A CIG mobilízase ante a Xunta polo desenvolvemento dun plan industrial para fortalecer o sector da automoción

Persoal e representantes sindicais da CIG nos comités de empresa dunhas 25 compañías da automoción galega con sede en Vigo, Ourense e Pontevedra mobilizáronse diante da sede da Xunta da Galiza en Compostela para alertar das "graves ameazas que enfronta o sector".
Mobilización da CIG ante a Xunta, esta cuarta feira en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mobilización da CIG ante a Xunta, esta cuarta feira en Compostela (Foto: Nós Diario).

Persoal e representantes sindicais da CIG nos comités de empresa dunhas 25 compañías da automoción galega con sede en Vigo, Ourense e Pontevedra mobilizáronse esta cuarta feira diante da sede da Xunta da Galiza en Compostela para alertar das "graves ameazas que enfronta o sector e reclamar das Administracións medidas que garantan o futuro dunha industria estratéxica para o país e fundamental para estas tres comarcas".

Ao remate da protesta, parte da campaña da central sindical en defensa do sector, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, e a responsábel da automoción da federación, María Xosé García, presentaron no rexistro do edificio da Xunta un escrito dirixido ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, coas principais propostas do sindicato para "garantir un sector galego do automóbil con futuro".

Desde a CIG-Industria denuncian que a automoción galega "leva máis dunha década nunha situación de emerxencia industrial que se traduce na perda de miles de postos de traballo e en fechamentos de empresas". Neste sentido, explican, "o sector segue a sufrir ERE, coa perda paulatina de efectivos nos cadros de persoal, e unha precarización absoluta das condicións de traballo por causa das distintas reformas laborais aprobadas coas escusas das diferentes crises".

"Observamos con preocupación como na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal as empresas do sector da automoción, vital para a economía galega, deslocalízanse e aséntanse no país veciño", engaden. En consecuencia, din, "camiñamos cara a un proceso de reconversión industrial que vai afondar no empobrecemento da clase traballadora galega, provocando unha perda de poboación e aumentando o peso do sector servizos en detrimento do sector industrial, con peores condicións e salarios máis baixos".

Ante esta situación de "emerxencia industrial", desde a central sindical exíxenlle ás Administracións públicas que impulsen "un plan industrial para a Galiza que propicie unha industria da automoción forte e xeradora de emprego", ao tempo que demandan "a participación da Xunta directamente, ou a través de empresas mixtas, na constitución de novos proxectos industriais vitais para o sector".

"Que as subvencións e axudas millonarias que se lle dan a Stellantis teñan o compromiso da planta de Vigo da fabricación de novos modelos, para garantir a creación de emprego en todo o tecido industrial, especialmente nas empresas de compoñentes", demanda o sindicato.

A CIG tamén solicita "un compromiso dos Ministerios de Industria e de Transición Ecolóxica co sector da automoción da Galiza que axude a afrontar o futuro con garantías e que permita frear o proceso de deslocalización de boa parte da actividade auxiliar para abaratar custos, mentres se aplican rebaixas salariais e laborais coa escusa de gañar competitividade".

Ademais, desde a central sindical solicitan "a creación dunha Mesa Galega da Automoción integrada polo CEAGA, as centrais sindicais e as tres universidades galegas que impulse un plan galego para a industria da automoción no que se recollan medidas de apoio en I+D+i".

Piden, así mesmo, "a instalación dunha planta de baterías na Galiza, xa que non ter unha planta de fabricación de baterías expulsa o sector galego da automoción do taboleiro da fabricación do coche eléctrico". Neste sentido, solicitan "unha aposta pola fabricación dos novos compoñentes do automóbil eléctrico".

"O Goberno galego ten que activar un plan para a atracción das plantas de fabricación dos novos compoñentes dos coches eléctricos", acrecentan. "Un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal e para que se fagan as modificacións oportunas e se restabeleza o dereito á xubilación parcial aos 60 anos para todos os colectivos", abundan.

Para isto é necesario, afirman, "formación cara ao novo sistema de fabricación". "Precisamos dunha formación profesional pública que permita a clase traballadora adaptarse a esta nova revolución industrial", explica a CIG, que insta a garantir "a integración laboral das persoas con capacidades distintas na cota de reserva das empresas para acabar coa precariedade e explotación subvencionada nos Centros Especiais de Emprego".

Ao tempo, reclaman unha tarifa eléctrica galega, "un novo marco regulador da enerxía máis xusto e estábel que faga a nosa industria máis competitiva, con prezos da enerxía menores aos do resto dos territorios do Estado por ser a Galiza produtora excedentaria". Finalmente, a CIG exixe tamén un Marco Galego de Relacións Laborais "con plenas competencias en materia lexislativa, normativa e de regulación do mundo de traballo no noso país, co obxectivo de garantir unhas condicións laborais e salariais dignas para a clase traballadora galega".

Comentarios