CIG sinala que os datos non avalan o “triunfalismo” da patronal do naval

Estaleiro, naval
photo_camera Estaleiro, naval

César Rodríguez, responsábel do naval da CIG-Industria de Vigo, afirma que non existen datos contrastados que apoien o “triunfalismo” da patronal nos medios de comunicación, que “está a enganar á sociedade” ao falar da necesidade de 2.000 ou 3.000 novos traballadores para o sector. Así, indica que agás Freire e Armón, con dúas ou tres unidades en carteira, a maioría de estaleiros están a construír un único pedido e non contan con previsións para o futuro. A iso súmase a situación incerta de Vulcano.

Fronte aos “chamamentos irresponsábeis” de Asime, que está a “xogar coas esperanzas da xente”, o sindicato nacionalista denuncia a realidade dun sector precarizado no que a maioría dos casos os traballadores “entran e volven saír do paro aos poucos meses”, e onde afirma a CIG que se está a incumprir diariamente o convenio.

Manuel Simón, responsábel de negociación colectiva e formación da CIG-Industria en Vigo, expresou dúbidas sobre os motivos reais de Asime ao enfatizar a necesidade de cursos de formación, “dando a impresión de que se utiliza esa suposta necesidade de traballadores para xustificar o financiamento público dos mesmos”. Explicou que Aclunaga, o clúster da patronal, obtivo para este ano un millón de euros para formación en toda Galiza coa escusa de formar 800 traballadores.

Porén, e segundo indicou, a central non ten constancia sobre a existencia destes cursos, tan só de charlas de prevención nos estaleiros, albergando a sospeita de que “están a utilizar estes fondos con outras finalidades”. Alén disto, o empresariado conta en exclusiva cun 0,7% que se desconta das nóminas para formación, pero empréganas en cursos alleos á actividade, como idiomas ou informática.

Por todo isto, segundo indicou o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, a federación convocará unha concentración ante a sede da patronal Asime, en Vigo, para o vindeiro mércores 17 de outubro ás 11 horas.

Comentarios