Protocolo de colaboración para recuperar dereitos laborais, sociais e democráticos

Os sindicatos CIG e I-CSC exixen a derrogación "das políticas e reformas neoliberais"

A colaboración entre as centrais sindicais CIG e a catalá I-CSC deu un salto cualitativo máis esta cuarta feira coa sinatura en Compostela dun protocolo para activar actuacións conxuntas. No documento sinalan como obxectivos a recuperación dos dereitos sociais e laborais, o recoñecemento da autodeterminación do pobos, a negociación colectiva en cada nación e a derrogacións das reformas laborais. Ambos sindicatos aseguran que estas medidas poden frear o fascismo que está a medrar no Estado español.
Encontro CIG e I-CSC (CIG)
photo_camera Encontro CIG e I-CSC (CIG)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Intersindical-Confederación Sindical Catalana (I-CSC) veñen de asinar un protocolo de colaboración coa intención de profundizar na colaboración mutua. Ambos sindicatos mantiveron un encontro os días 17 e 18 de decembro no que coincidiron na análise da conxuntura laboral e política en ambas nacións no contexto do Estado. Nesta xuntanza decidiron elaborar estratexias en común que se plasman na sinatura dun documento que procura dar pasos máis ambiciosos cunha serie de propostas en diferentes ámbitos que consideran fundamentais agora mesmo.

Na  sinatura participaron os respectivos secretarios xerais, Paulo Carril de CIG e Carles Sastre de I-CSC. “Na Galiza estamos a asistir ao deterioro das condicións laborais como causa dunha obstinada política neoliberal”, explica en rolda de prensa Paulo Carril, “cunha axenda infernal dos gobernos do PP e do PSOE”. Carril explica que vivimos un “aumento do desemprego e da emigración, un incremento da pobreza e da crise industrial no noso país” tendo en conta un “contexto previo a unha recesión económica”. O responsábel de CIG está convencido de que a situación actual “rematará nunha profunda crise económica cando aínda non saímos da anterior, nun contexto de inacción política que fai máis grave esta deriva”.

Polo seu lado o secretario xeral de I-CSC, Carles Sastre, asegura que "é importante manter relacións do día a día do traballo sindical entre todos os sindicatos que queremos unha ruptura do réxime do 78".

Auxe do fascismo

 

Na avaliación da situación actual, previa á elaboración do documento acordado, ambos sindicatos coincidiron no alarmante aumento da ultradereita. “Somos dous sindicatos de dúas nacións sen estado que compartimos preocupación pola situación no Estado”, apunta Paulo Carril, “prevalece a represión e a política antidemocrática cando non se recoñece a realidade plurinacional do Estado e o contexto é de auxe do fascismo”.  A explicación a esta situación, para o secretario xeral de CIG, estaría na dobre combinación de “continuidade das políticas neoliberais que provocan o empobrecemento xeralizado e unha grande precariedade laboral” combinado con outro elemento como “o fanatismo sobre esa unidade de España que nin é certa nin é democrática”. 

Ambos sindicatos coincidiron no alarmante aumento da ultradereita

Para Carles Sastre a situación actual coincide co “control da dereita oligárquica española do Consello do Poder Xudicial”. Sastre explica que nas últimas eleccións a este organismo “comprobouse que a cúpula xudicial está cada vez máis á dereita”. Para Sastre é un segundo movemento de penetración para controlar a xustiza desde arriba “logo do que fixo Aznar na súa última lexislatura”. O responsábel de I-CSC cre que o momento “é tan preocupante como para que sindicatos e organización nos poñamos de acordo non só en análise senón en campañas concretas para tentar reverter o avance claro da extrema dereita en Europa e no Estado español”. 

Catro reivindicacións fundamentais

 

As centrais sindicais resumiron as súas demandas en catro reivindicacións. A primeira delas é unha táboa derrogatoria das reformas laborais, das pensións e das políticas “que estiveron causando desigualdade social, fenda salarial e unha bolsa de pobreza laboral que se está a cronificar”, segundo Paulo Carril. 

A segunda reivindicación implica mudar as regras de negociación en materia laboral. “As reversións de políticas de derogacións que se lle exixe ao Goberno español, sexa da cor que sexa, ten que ir acompañada de poder negociar as condicións laborais nos nosos respectivos países”, apunta Carril.

Para Sastre “a nivel sindical a negociación colectiva debería xestionarse desde a proximidade”. En relación á situación actual en Catalunya o responsábel de I-CSC asegura que “é unha reivindicación histórica que agora mesmo evolucionou coa vista posta nunha futura República catalá”.

Ambos sindicatos entenden que é unha axenda ambiciosa para parar o fascismo 

A terceira reivindicación do acordo e a creación dunha axenda democratizadora ampla na que figure como tema principal a anulación da denominada Lei Mordaza. “Criminaliza o movemento social e sindical, tamén a folga, a protesta e a reivindicación”, asegura Paulo Carril.

A cuarta demanda exixe a primacía da política para resolver os conflitos nacionais como o que enfronta Catalunya e o Estado español. “Hai que acabar coa xudicialización da política e poñer en liberdade os presos políticos”, indica Carril. Para Sastre a solidariedade con Catalunya é un acto de intelixencia. “Agora mesmo somos un laboratorio represivo e non existe abondo conciencia fóra de que o que se faga alí serán ferramentas que se estenderán ao resto do Estado”, asegura. O responsábel sindical lembra que seguen na cadea presas e presos políticos. 

Ambas organizacións sindicais entenden que é unha axenda ambiciosa mais consideran que é a única que pode poñer freo ao fascismo.

Comentarios