CIG exixe á Xunta que impida a deslocalización de servizos e empregos en R Cable

Algunhas empresas auxiliares, caso de Indra, reduciron cadro de persoal e desde o sindicato pensan que haberá máis casos en breve

Protestas contra a deslocación en R [Imaxe: CIG]
photo_camera [Imaxe: CIG] Protestas contra a deslocación en R

O secretario de organización CIG-A Coruña, Óscar Calvo, explica a Sermos Galiza que as empresas auxiliares de R están a facer movementos de persoal que confirman un plan de deslocalización por parte de Euskaltel-Zegona.

Desde a CIG exixen a implicación inmediata da Xunta da Galiza no conflito e que o Goberno galego realice as xestións necesarias para frear o proceso de traslado e deslocalización de servizos e emprego iniciado por Euskaltel-Zegona.

“Resulta indignante a actitude da Xunta e, en particular do conselleiro de Industria, que minte cando afirma que está en contacto cos comités de empresa e non é certo”.

Calvo afirma a Sermos Galiza que “pretenden reducir custes naquelas actividades que se poden realizar fóra como as de operación e mantemento de rede”. Os casos apuntados pola CIG teñen en común que son traballos que se efectúan de xeito remoto. É o caso de empresas como Indra que vén de anunciar unha modificación substancial das condicións laborais a 9 traballadoras e traballadores, tras a decisión de R de recortar o contrato do servizo de vixilancia de rede, prescindido das quendas de noite e de fin de semana que pasan a realizarse desde Asturias por ZTE.

Esta operación podería realizarse en breve no resto de empresas auxiliares que tamén traballan para R na Coruña, segundo indica Óscar Calvo a Sermos Galiza. “R non facilita para nada a información mais sabemos que nesta primeira fase estarían implicadas empresas como Indra, Lexus, GSS, Colabora Ingenieros, todas coa mesma actividade”. Unha das características de R, segundo o secretario de organización CIG-A Coruña, é que ten “moi disgregada as súas auxiliares que fan distintas partes do proceso produtivo”.

Calvo afirma que nunha segunda fase teme “que vaia á atención comercial, captación e facturación”. Nese apartado tamén figuran numerosas empresas e a situación podería afectar “a centos de traballadoras e traballadores”.

A situación en Indra

O delegado da CIG en Indra, Daniel Argüelles, confirma a Sermos Galiza esta situación. “Cando empecei eramos unhas 20 e Euskaltel deixou de renovar contratos temporais, segundo eles para reducir custes, e agora quedaremos seis”.

Argüelles explica que entre o seu traballo está o seguimento de redes de grandes empresas “algo que xa están a facer en Asturias e que a a partir do 23 de outubro incrementarán co servizo de ”.

Para o delegado da CIG en Indra este tipo de decisións anuncia un futuro moi negro para o cadro de persoal galego. “Xa montaron equipo en Asturias e a partir do ano vindeiro poderán facer o mesmo que facemos aquí”. Outras empresas tardarán máis en deixar de traballar para R, asegura, “porque teñen un xeito de traballar específico”.

Comentarios