A CIG exixe na rúa políticas públicas que garantan o emprego industrial na Galiza

Unha manifestación critica en Compostela o feito de que a Xunta non faga uso das súas competencias para saír ao rescate de sectores "chave" na economía galega.
A manifestación da CIG percorreu as rúas da capital galega (Foto: Nós Diario)
photo_camera A manifestación da CIG percorreu as rúas da capital galega (Foto: Nós Diario)

Delegadas e delegados da CIG-Industria de empresas de todo o país manifestáronse nesta terza feira polas rúas de Compostela para denunciar a "falla de políticas públicas" para defender os sectores produtivos galegos e as "graves consecuencias" que para a clase traballadora está a ter o incremento de prezos dos produtos básicos, nomeadamente os da enerxía, que afectan non só ás familias senón tamén á industria.

A manifestación, que partiu do campus Sur,  percorreu o centro da capital galega para rematar ante o edificio administrativo da Xunta en San Caetano, onde denunciaron a "ausencia clamorosa" do Executivo galego que, malia ter todas as competencias na materia, "foi incapaz de deseñar, articular e desenvolver unha política industrial que respondera as necesidades do sector industrial".

Neste senso, desde o sindicato lembran que a Galiza perdeu 1 de cada 5 empregos industriais nos últimos 13 anos, pasando dos 154.860 ocupados e ocupadas en 2008, a 121.305 na actualidade. Un período que coincidiu cos anos de goberno de Núñez Feixóo como Presidente da Xunta de Galiza, ao que  o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, atribuíu esta situación. 

Ante este escenario, a CIG-Industria avoga por unha "intervención publica" en diferentes ámbitos para garantir "unhas condicións de vida digna".

Entre esas medidas estarían a de obrigar as eléctricas a dar garantía de emprego ao persoal das térmicas que fechan se queren manter a capacidade de evacuación, garantir a subrogación do persoal do naval vigués, que no último ano perdeu máis de 300 empregos, modernizar o estaleiro de Ferrol coa construción do dique cuberto, ou artellar unha tarifa industrial que garanta o emprego e a continuidade dos procesos produtivos nas empresas electrointensivas.

Sectores chave

Sobre a automoción, Bouzas alertou de que "a falla de compromisos" por parte dos gobernos galego e estatal están a golpear os alicerces dunha industria "chave para o noso pais". O mesmo sucede coa enerxía, xa que "non están a facer nada para garantir con políticas publicas o acceso a electricidade do conxunto do pobo en condicións asumíbeis".

A este respecto, a CIG volveu insistir na necesidade de que a Galiza poida decidir sobre os seus recursos para ter unha enerxía ao servizo do pobo por medio dunha tarifa eléctrica galega e unha empresa pública galega de electricidade.

Comentarios