CIG, ELA, LAB e Intersindical Catalá exixen a xubilación do persoal sanitario e sociosanitario aos 60 anos

Así mesmo, exixen aos Gobernos e diferentes Administracións da Galiza, Euskal Herria e Catalunya que articulen mecanismos para facilitar a xubilación anticipada deste persoal ou recuperen aqueles que foron recortados nos últimos anos.
Reunións dos sindicatos con deputados do Congreso, entre eles Néstor Rego, do BNG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Reunións dos sindicatos con deputados do Congreso, entre eles Néstor Rego, do BNG. (Foto: Nós Diario)

Os sindicatos CIG, ELA, LAB e Intersindical Catalá compareceron esta mañá en rolda de prensa, ás portas do Congreso, para informar das reunións celebradas cos distintos grupos políticos, nas que solicitaron que condicionen o seu apoio aos próximos orzamentos á aprobación do dereito á xubilación do persoal sanitario e sociosanitario aos 60 anos nos sectores público e privado.

Por parte da CIG participaron nas xuntanzas a secretaria nacional de CIG-Servizos, Tránsito Fernández, a responsábel do sector Autonómico da CIG-Administración, Zeltia Burgos, e o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira.

A demanda destes sindicatos concrétase na petición ao Goberno español para que respecte o dereito de profesionais sanitarios e sociosanitarios a xubilarse aos 63 anos, sempre que teñan cotizado o tempo exixido, e que negocie os cambios legais necesarios para conseguir a xubilación ordinaria aos 60 anos durante esta lexislatura.

Así mesmo, exixen aos Gobernos e diferentes Administracións da Galiza, Euskal Herria e Catalunya que articulen mecanismos para facilitar a xubilación anticipada deste persoal ou recuperen aqueles que foron recortados nos últimos anos, como as primas de xubilación anticipada.

Nese sentido, na súa comparecencia, lembraron que a actual lexislación, en materia de Seguridade Social, recoñece o dereito á xubilación anticipada ás persoas traballadoras incluídas en calquera dos réximes da Seguridade Social aos 63 anos, sempre que teñan cotizados entre 38 e 44 anos e 6 meses e que a idade sexa inferior en dous anos, como máximo, á idade esixida que resulte de aplicación en cada caso.

Sen penalizacións

Os sindicatos demandan que o persoal que teña os períodos de cotización recollidos na norma, e cumpra o requisito de cotización, poida xubilarse sen as penalizacións que marca a actual lexislación, ademais de percibir o complemento de xénero. Esta medida só precisa, segundo explicaron, da aprobación dun Real Decreto en base á Lei 40/2007

Tamén instan o Executivo estatal a recoñecer, durante esta lexislatura, o dereito á xubilación aos 60 anos do persoal sanitario e sociosanitario do ámbito público e privado, e a que non se vincule este dereito á planificación dos cadros de persoal actuais ou futuros, que dependen de decisións políticas que non poden, en ningún caso, vulnerar os dereitos do persoal.

As centrais sindicais lembraron que “estamos diante de cadros de persoal cunha media de idade moi alta (máis de 50 anos) e cunhas condicións penosas no desempeño. Condicións que, como consecuencia das políticas de recortes, privatización e desmantelamento dos servizos públicos aplicadas os últimos anos, fan imprescindíbel a articulación deste dereito”.

Neste sentido, denunciaron que a situación actual de falta de profesionais na sanidade e nos sectores sociosanitarios “é consecuencia da planificación sanitaria realizada durante os últimos 10 anos”. Unha planificación baseada en “recortar persoal, suprimir postos de traballo e adelgazar e privatizar os servizos públicos, poñendo en cuestión o dereito da sociedade a unha prestación de calidade”.

Comentarios