A CIG di que a “venda especulativa” da planta de Ferroatlántica en Cee “pon en perigo” a saúde dos traballadores

A Sección Sindical da CIG na planta que Ferroatlántica ten en Cee advirte de que “se está poñendo en perigo a saúde dos traballadores e a viabilidade das fábricas”. Culpa a “venda especulativa” e lamenta a “complicidade e a pasividade da Xunta”, malia ter, insiste, plenas competencias.

Planta de Ferroatlántica en Cee
photo_camera Planta de Ferroatlántica en Cee

A fábrica que Ferroatlántica ten en Brens (Cee) está completamente cuberta polo fume nos últimos días. “Padecemos as consecuencias negativas da operación de venda especulativa, utilizando materias primas para o funcionamento dos fornos de mala calidade, que non se queren noutros centros de traballo do Grupo de Ferroatlántica (FG) e, como se está a demostrar, poñen en perigo as instalacións e son altamente prexudiciais para a saúde dos traballadores e das traballadoras”. Advírteo a Sección Sindical da CIG, que responsabiliza da situación a “venda especulativa”.

A CIG sinala que en Cee traballan “cos fornos rebaixados”, que a produción se atopa “por debaixo de custos por estar a expensas dun único cliente” e que se consomen “materias primas de mala calidade”. Ademais de alertar a respecto da saúde dos traballadores, a CIG pon de manifesto que se pon en perigo “a integridade das instalación e a viabilidade dos centros de traballo”.

A venda especulativa, afirma a Sección Sindical, “en vez de traer investimento, trae máis recortes e máis precariedade laboral”. Cifra en “numerosas” as incidencias producidas nos últimos días e denuncia que a Dirección do centro “non está a tomar ningún tipo de medidas”. “Levan meses sen convocar o comité de seguridade e saúde, incumprindo claramente a lexislación vixente”, informa o sindicato nunha nota de imprensa.

Malia a gravidade da situación e das accións de Ferroatlántica, denuncia a CIG, “o Goberno galego, que ten plenas competencias nesta materia, mantén un silencio e pasividade inauditos”. Non exixe o perceptivo plan de viabilidade, tal e como obrigan as cláusulas concesionais, nin se dirixe ao comité para trasladarlle a documentación presentada pola empresa, acrecenta o sindicato, que advirte de que a situación de incerteza será aínda maior a partir de xaneiro de 2020.

Comentarios