CIG denuncia un suposto caso de acoso laboral e sexual en Nova Pescanova

O sindicato non desbota acudir ante a Xustiza após o arquivo do expediente por parte da empresa.
Suso García e Esther Mariño durante a rolda de prensa (Foto: CIG)
photo_camera Suso García e Esther Mariño durante a rolda de prensa (Foto: CIG)

O sindicato CIG vén de denunciar un suposto caso de acoso sexual e laboral a unha traballadora da planta industrial do grupo Nova Pescanova no Porriño, ao tempo que criticou a actitude da empresa por "castigar" a empregada, e crear "un caldo de cultivo" para impedir que outras traballadoras poidan denunciar se se atopan nunha situación similar.

O secretario comarcal da  FGAMT, Suso García, e a responsábel de Igualdade da CIG, Esther Mariño, explicaron en rolda de prensa que a traballadora púxose en contacto co comité de empresa o pasado febreiro para denunciar que estaba a ser acosada sexualmente polo seu xefe directo, mediante comentarios sexuais, insinuacións e mesmo tocamentos.

O sindicato explicou que a primeira medida que adoptou a dirección de Recursos Humanos foi cambiar de quenda a traballadora, a pesar de que esta pediu que non o fixera.

Así mesmo, púxose en marcha o protocolo antiacoso que hai na factoría, acordado por empresa e sindicatos, e presentouse formalmente a denuncia. A partir dese momento, "comezaron a pasar cousas gravísimas", segundo a CIG, que criticou que "se difundiron" datos da traballadora e do presidente do comité, vulnerando a "obrigada confidencialidade" nestes casos.

Ademais, para sorpresa da CIG, a empresa amoestou a traballadora por ter "obstruído" o labor de investigación no procedemento, que rematou co arquivo do expediente "ao non poder acreditar situación de acoso ningunha", nin acreditarse "ningunha das acusacións efectuadas". Na mesma liña, apuntan, a compañía tamén puxo problemas a outras traballadoras que ían declarar na instrución como testemuñas da empregada.

Caldo de cultivo

"Isto crea un caldo de cultivo e desanima a outras mulleres que poidan atoparse na mesma situación. Non denunciarán porque perciben que eses comportamentos quedan impunes", sinalou Esther Mariño.

En todo caso, a CIG confirmou que recorrerá a resolución e, ademais das xestións ante a Inspección de Traballo, que xa é coñecedora dos feitos, advertiron de que non descartan acudir aos tribunais. "Non podemos deixar pasar algo como isto", sinalan desde o sindicato.

Comentarios