martes 14.07.2020

CIG denuncia a "sobrecarga" da enfermaría co estudo da COVID-19 da Xunta

Desde CIG-Saúde salientan "o abuso que supón cargar a este persoal cun traballo que non ten ningunha utilidade máis alá da súa utilización política para a campaña de Alberto Núñez Feixoo".
Enfermeira prepara medicación hospitalaria (Ariadna Creus e Àngel García/Banc d’Imatges Infermeres).
Enfermeira prepara medicación hospitalaria (Ariadna Creus e Àngel García/Banc d’Imatges Infermeres).

CIG-Saúde alerta de que o Sergas está a "sobrecargar" ao persoal de enfermaría de atención primaria coa segunda fase do test de seroprevalencia da COVID-19.

A central sindical manifesta que as enfermeiras e enfermeiros terían que estar xa programando a actividade ordinaria que se deixou de realizar durante o estado de alarma, como son os controis periódicos de diabetes, tensión arterial, etc., e que "están asumindo en moitos centros ausencias por baixas que non se están substituíndo".

Esta semana comezou a segunda fase do estudo de seroprevalencia da poboación que está a realizar o Sergas, da que colectivos profesionais e organizacións sindicais demandaron a súa suspensión ao considerar que "non aporta información ningunha, tal e como xa se demostrou na primeira fase"

Desde CIG-Saúde salientan "o abuso que supón cargar a este persoal cun traballo que non ten ningunha utilidade máis alá da súa utilización política para a campaña de Alberto Núñez Feixoo, cando se terían que estar reforzando as plantillas dos centros de saúde".

Así mesmo, indican que é a atención primaria "a que ten que cargar coa responsabilidade de detectar os posíbeis rebrotes da COVID-19 e facer un rastrexo de calquera posíbel novo positivo". Porén, en lugar de "reforzar" o persoal se está a "sobrecargar" cun traballo "inútil asistencialmente" e que "non aporta ningunha información epidemiolóxica".

comentarios