xoves 16/09/21

A CIG denuncia represión sindical en Nova Pescanova

Desde a empresa responsabilizan o sindicato do mal ambiente laboral.
Suso García, secretario comarcal da FGAMT-CIG en Vigo, durante a rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
Suso García, secretario comarcal da FGAMT-CIG en Vigo, durante a rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

Até 15 días de sanción de emprego e soldo para a ex representante sindical da CIG en Nova Pescanova por ir dous días ao médico. Este é un dos exemplos que esta quinta feira sacou á luz o secretario da FGAMT-CIG de Vigo, Suso García, para denunciar a represión sindical que leva a cabo a empresa coa representación e a afiliación do sindicato nacionalista.

Durante unha rolda de prensa na que estivo acompañado polos delegados e delegadas da central no comité de empresa do centro do Porriño, o responsábel sindical explicou que desde que chegou o novo equipo de recursos humanos a compañía mudou a súa política de relación cos sindicatos.

"Aplican aquela táctica da diplomacia vaticana de 'puño de ferro en luva de seda', polo que cara ao exterior amósanse amábeis e dialogantes, pero na práctica teñen un comportamento antisindical. Con respecto á nosa central en particular son moi belixerantes, e botan man de prácticas que para nós sobrepasan todos os límites", denuncia.

Ademais, García afirmou que, desde que chegou este novo equipo de recursos humanos, a empresa adoptou a política de que as súas decisións non se discuten, o que cualificou como "nova doutrina Pescanova".

"A dirección decide unha cousa e non hai volta atrás. Vai adiante por riba de quen sexa". Até o punto de que cuestións que se deberan falar cos comités, porque así o estabelece a lei, tampouco se tratan e son impostas. "No mellor dos casos comunican as decisións, pero non se debaten nin se discuten".

Vontade negociadora

A central sindical xa anunciou que non está disposta a permitir este modo de proceder da empresa. "Confrontamos esta actitude, propoñemos debates e queremos negociar coa empresa", argumentan.

Porén, cre que é difícil cando a propia empresa asegura nun informe que a CIG é a responsábel do mal clima laboral existente e que as delegadas e afiliadas da central amedrentan, coaccionan e ameazan as súas compañeiras. "Diante disto, pedímoslle á dirección que nos facilitase o informe onde figuran estas afirmacións, pero néganse coa escusa de que dese xeito violarían a confidencialidade das enquisas, cando as enquisas son anónimas". Nos vindeiros días decidirán "que resposta lle imos dar a esta negativa".

comentarios