Traballo

CIG denuncia a "inacción" de Inspección e Xunta ante empresas sen medidas de prevención para as traballadoras

A Unión Comarcal de Vigo da CIG sinala que a Inspección de Traballo e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta da Galiza "son cómplices" ao non actuar contra as empresas que "incumpren" as medidas preventivas. 
manifestación diante de Unísono en Vigo (Arquivo).
photo_camera manifestación diante de Unísono en Vigo (Arquivo).

A Unión Comarcal de Vigo da CIG alerta de que moitos traballadores e traballadoras están sendo expostas a contaxio por coronavirus ao seren obrigadas a acudir presencialmente aos seus empregos sen as mínimas garantías preventivas. Nun comunicado emitido esta sexta feira denuncian a "inacción" da Inspección de Traballo e mais da Xunta perante esta situación.

"En medio dunha crise sanitaria sen precedentes vemos como a irresponsabilidade do empresariado está poñendo en risco a saúde de millares de traballadoras e comprometendo a eficacia do confinamento social, imprescindíbel para frear a propagación deste virus", advirte o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberte Gonçalves.

Gonçalves dá conta de que o sindicato está a recibir un importante número de denuncias de empresas nas que se obriga a a ir traballar presencialmente "sen as mínimas garantías preventivas, sen distancias mínimas e sen medios de protección".

"Falamos de centros de chamadas, de empresas da industria do metal pero tamén de actividades no sector servizos (mesmo na atención a grupos de risco como as persoas maiores) onde por falla de medios e medidas preventivas se está a expoñer a contaxio por coronavirus ás traballadoras e as persoas coas que conviven", explica.

Desde a CIG subliñan que Vigo é arestora un dos principais focos da epidemia na Galiza, con 509 casos reportados, e por iso entenden necesario denunciar publicamente a "inacción" da Inspección de Traballo e da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta da Galiza, que permiten que milleiros de traballadores e traballadoras sigan arriscando a súa saúde e as súas vidas. 

"É intolerábel que, en medio dunha emerxencia sanitaria sen precedentes, as autoridades laboral e sanitaria ollen para outro lado e non actúen tendo constancia dos incumprimentos en materia preventiva en moitos centros de traballo. Coa súa inacción son cómplices. Exiximos que actúen de inmediato e con firmeza", reclama Gonçalves.

"Bucle burocrático"

A CIG de Vigo apunta que a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta non está a actuar "nin de oficio, nin a instancia das denuncias dos comités de empresa", e que "remite á Inspección de Traballo, que non está a realizar visitas e que unicamente traslada advertencias ás empresas".

"Neste bucle burocrático, onde a Inspección di non poder actuar para alén de informar, e onde a Xunta non actúa nin sendo informada, quen perde son as traballadoras e os traballadores que se ven obrigados a acudir presencialmente aos seus empregos mesmo cando as empresas, de maneira case criminal, non garanten as mínimas condicións para evitar contaxios", reprochan desde a central sindical.

Exemplo disto, segundo recolle o sindicato, é o centro de chamadas de Unísono en Vigo, onde a pesar de rexistrarse un positivo por COVID-19, a empresa "impuxo a continuidade do traballo presencial, incumprindo ilegalmente a suspensión decretada polo comité de empresa de acordo coa Lei de Prevención de Riscos Laborais". 

Por todo isto, a CIG incide na súa petición de "paralización de toda a actividade produtiva non esencial". "Facémolo porque o fundamental hoxe é salvar vidas e reducir ao mínimo o risco de contaxios. Porque a saúde da clase traballadora non pode protexerse co confinamento só durante a fin de semana", enfatiza Alberte Gonçalves.

Comentarios