A CIG denuncia a "falsificación" de sinaturas policiais en sancións contra sindicalistas

Reclamou que a Fiscalía investigue un suposto delito de "falsificación de sinaturas" na tramitación de sancións contra representantes sindicais. VÍDEO NO INTERIOR.

2014 06 18 Falsificacion sinaturas Pontevedra
photo_camera Marcos Conde e Xabier Aboi á saída dos xulgados [Imaxe CIG]

O secretario comarcal da CIG-Pontevedra, Marcos Conde, presentou unha denuncia nos xulgados da cidade demandando que a Fiscalía investigue a "falsificación de sinaturas" policiais no decorrer administrativo de sancións impostas contra sindicalistas filiados á central. 

As acusacións parten dun informe caligráfico solicitado pola propia CIG e ao abeiro da cal a central sindical logrou que unha sanción administrativa en base á ocupación dun banco en 2012 for anulada. Conde estivo acompañado nos xulgados polo sindicalista denunciado, Xabier Aboi, secretario da CIG-Mar que foi punido pola Subdelegación do Goberno en 2012 após unha concentración desenvolvida contra o regate da banca. 

Sinaturas falsas 

Naquela altura atribuíanselle uns supostos "disturbios" que Aboi negou en todo momento. Neste senso, cando o avogado do sindicalista se encamiñaba a presentar a alegación correspondente decatouse de que as sinaturas dos axentes que asinaban as denuncias non coincidían cos que ratificaban a mesma. Un feito que foi corroborado posteriormente pola peritaxe caligráfica o que fixo decaer a multa. 

"Esta fraude pon en cuestión a presunción de veracidade da que gozan as testemuñas dos axentes"

Esta fraude "demostra as mentiras perpetradas pola policía en miles de denuncias", sinalou Xabier Aboi, e "pon en cuestión a presunción de veracidade da que gozan as testemuñas dos axentes", acrecentou. 

Así é que demandaron perante a Fiscalía que investigue os feitos perante un "posíbel delito de falsedade documental en documento público", que a CIG contextualiza na "persecución ao movemento obreiro". Perante a posibilidade de que a súa denuncia non prospere, a central sindical nacionalista solicitou tamén un encontro c@ fiscal para lle "expor a necesidade de que adopte medidas". 

Comentarios