Denuncia da CIG

A Xunta deriva a empresas privadas informes de impacto en patrimonio cultural

A Xunta externaliza parte do servizo de elaboración dos informes sobre o impacto das obras que afectan a bens do patrimonio cultural. Desde a CIG denuncian que a empresa encomendada carece de persoal cualificado e esixe a a creación de prazas públicas.

San Caetano, edificios administrativos da Xunta
photo_camera San Caetano, edificios administrativos da Xunta

 Após a Xunta externalizar parte do servizo de elaboración dos informes sobre o impacto das obras que afectan a bens do patrimonio cultural, a empresa TRAGSATEC é beneficiaria, cun valor de perto de 150.000 euros e cunha duración de catro meses e con carácter retroactivo desde inicios de marzo. Desde a CIG denuncian este proceso como “unha artimaña coa que a Xunta pretende dar visos de legalidade ao traballo que TRAGSATEC veu desenvolvendo para a Dirección Xeral de Patrimonio entre xaneiro e marzo", logo de ter rematado a vixencia dun primeiro contrato en decembro.

A central sindical denuncia esta nova externalización da Xunta de Galiza e considera que a encomenda a TRAGSATEC supón delegar en persoal desta empresa a emisión dos informes que debería realizar o persoal propio da Consellaría. Así mesmo, quere alertar que a empresa carece de “competencia para realizar informes arqueolóxicos destas características” ao tempo que denuncian que o encargo reviste un “dubidoso encaixe” na Lei orgánica de protección de datos, xa que os expedientes, para a súa tramitación, son trasladados desde a Dirección Xeral ás oficinas de TRAGSATEC.

Esixen á Dirección Xeral de Patrimonio que contrate persoal

Ademais, desde a  CIG salientan que a pesar de terse incrementado o volume de traballo nesta materia durante os últimos anos, a Dirección Xeral non aumentou o número de persoal arqueólogo e arquitecto, chegando mesmo "ao esperpento de que prazas creadas na relación de postos de traballo da Consellaría están vacantes”. Pola contra, denuncian que a Dirección Xeral de Patrimonio contratou persoal arqueólogo de reforzo durante o pasado ano mediante contratos de acumulación de tarefas, cunha duración máxima dun ano, e que non foron renovados desde mediados do pasado ano.

A Administración escúdase, denuncia a CIG, en que non pode contratar novo persoal, mentres os expedientes seguen sendo tramitados por TRAGSATEC durante os meses de xaneiro e febreiro "un acto ao noso entender totalmente fraudulento".

Avanzou a CIG que está a estudar a posibilidade de impugnar esta encomenda e “non descarta iniciar mobilizacións” contra a externalización de servizos e para esixir que se dote a todos os departamentos da administración do persoal necesario para garantir uns servizos públicos de calidade.

Comentarios