CIG denuncia Eulen ante a Fiscalía por vulneración do dereito sindical

A central nacionalista denuncia a represión sindical exercida pola empresa nos servizos que presta no matadoiro de Coren
Protesta dos traballadores de Eulen (Foto: CIG)
photo_camera Protesta dos traballadores de Eulen (Foto: CIG)

A CIG vén de presentar unha denuncia ante a Fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense contra a empresa Eulen por vulneración do dereito á liberdade sindical, xa que, segundo denuncia a central nun comunicado, "continúa a represión sindical á central nacionalista" nos servizos prestados pola empresa no matadoiro de Coren.

Neste senso, explican que esta represión se manifesta tanto na negación do comité legalmente constituído, como na sanción ao presidente do mesmo ou no despedimento dun traballador, entre outros, unhas prácticas que, segundo a CIG, gardan relación coa represión padecida nos últimos anos na cárnica ourensá durante a campaña do sindicato en prol dos dereitos das "falsas autónomas"

Tanto a dirección da CIG de Ourense como a Federación de Servizos do sindicato aseguran que non están dispostas a que se continúen a conculcar dereitos fundamentais contra traballadoras e sindicalistas na empresa Eulen, capitaneada por Micaela Feixoo, irmá do presidente da Xunta e unha das principais beneficiadas en licitacións públicas por parte do goberno do PP nos últimos anos.

Comité lexítimo

 Segundo relatan, os problemas comezaron en maio de 2020, cando a CIG, con 4 delegados electos en 2019 e nun contexto dificultado polo estado de alarma, constituíu legalmente o comité ante a "incomparecencia cómplice" de UGT e USO, que un ano despois e logo das primeiras denuncias por parte da central nacionalista, conformaron un "comité fantasma" afín á empresa para suplantar o lexítimo.

A dirección, pola súa parte, ignorou e negou toda representatividade ao comité presidido pola CIG, que vén de ser ratificado agora mediante unha sentenza do xulgado do social número 1 de Ourense, que anula tamén a sanción imposta ao presidente. Así e todo, critican, a empresa continúa a ignorar o comité lexítimo.

Por este motivo, a central nacionalista decide agora "subir un chanzo máis" e presentar unha denuncia ante a Fiscalía para pór fin á "vulneración constante dos dereitos laborais e sindicais" por parte de Eulen, ao tempo que conminan este organismo a actuar contra a conculcación dun dereito fundamental tipificado no artigo 315 do Código Penal.

Comentarios