CIG denuncia os despedimentos en Edicións Xerais

CIG vén de denunciar os despedimentos que tiveron lugar en Edicións Xerais, propiedade do Grupo Anaya.

xerais

O sindicato nacionalista pon de manifesto nun comunicado que Anaya, grupo propietario de Edicións Xerais, “vén de rematar un proceso de substitución do traballo de produción que reduce o papel da empresa con sede en Vigo, nunha visión centralista xa avanzada noutras zonas do Estado español”.

A central sindical advirte de que durante o proceso tivo lugar a revogación da delegada da CIG e a súa substitución por un representante de CCOO, tras o que agora se produce o despedimento de tres traballadores e a saída voluntaria do seu director, Manuel Bragado. Detrás da operación hai, segundo a CIG, “unha estratexia definida pola dirección de Anaya para limitar a autonomía de Xerais”.

O sindicato nacionalista rexeita os despedimentos e considera “totalmente inxustificada a decisión” e adianta que fará todo que estea na súa man na defensa destes postos de traballo. Aliás, amosa a súa preocupación  polo “futuro e supervivencia dun proxecto editorial fundado hai xa case catro décadas e que durante moitos anos xogou un papel fundamental no universo da cultura literaria galega”.

Comentarios