A CIG denuncia o despedimento de oito traballadoras no porto da Coruña

A central sindical censura o uso da crise sanitaria para recortar dereitos e asentar a precarización das condicións laborais e salariais do persoal.
Porto da Coruña
photo_camera Porto da Coruña (Galipedia).

A CIG denuncia o despedimento de oito traballadoras por parte de Laxe Marítima e TMGA, dúas empresas pertencentes ao mesmo grupo e encargadas de labores de estiba no porto da Coruña. Segundo informa nun comunicado, estas dúas compañías veñen de despedir oito traballadoras -6 en Laxe Marítima e 2 en TMGA- alegando motivos de organización e produción, cando ao mesmo tempo “están chamando persoal a través de Empresas de Traballo Temporal (ETT) para cubrir estes postos”.

Así, o sindicato denuncia que as empresas queiran aproveitar a situación de emerxencia sanitaria para avanzar no recorte de dereitos mais na precarización das condicións laborais e salariais do seu persoal.

Inxustificados

Para a CIG, as razóns de Laxe Marítima non están xustificadas. "Aduce que hai unha baixada da carga de traballo, pero esta caída da actividade prodúcese de maneira habitual nos primeiros meses do ano e todos os días entran a traballar, ademais do cadro de persoal propio, formado por aproximadamente por 35 persoas, 10 operarios máis contratados por ETT, que poden chegar a 30".

Di o sindicato que non hai causa obxectiva para os despedimentos, senon que se trata dun intento da empresa de recortar dereitos e desfacerse das traballadoras que lle resultan "máis molestas" neste contexto de crise.

Represalias

"Hai que ter en conta que parte do persoal despedido ten presentado denuncias contra Laxe Marítima por incumprimentos en materia de xornada, falta de pagamento de pluses e condicións discriminatorias entre o persoal".

Por iso, recalca, a medida "é máis unha represalia da empresa contra estes traballadores e un forma de amedrentar ao resto de compañeiras para que non reclamen os seus lexítimos dereitos".

A CIG adiantou que vai solicitar unha reunión coa propiedade da empresa para demandarlle que deixe sen efecto os ceses de inmediato. Avirte, ademais, que os despedimentos serán recorridos por vía xudicial e que presentarán unha denuncia ante inspección de traballo para deixar constancia desta e doutras irregularidades que veñen reclamando dende hai tempo, como o feito de que Laxe Marítima non ten inscrito o persoal que realiza labores de estiba no Réxime Especial do Mar.

Comentarios