A CIG denuncia que o Concello de Lugo lle retirou 10 faixas do 1º de maio

A central sindical nacionalista asegura que, após pescudar, determinaron que foran operarios de Urbaser quen procederon á retirada do material por orde do goberno local. 

CIG
photo_camera [Imaxe CIG]

As faixas estabal localizadas en diversos puntos da cidade amurallada, a Ronda, Sagrado Corazón, Paradai e a Avenida Infanta Elena, espazos nos que a CIG leva pendurando as tradicionais faixas do 1º de maio desde 2009, explican nun comunicado de imprensa desde a central sindical nacionalista. Porén, esta cuarta feira foran retiradas para a súa sorpresa. 

Após pescudaren as razóns da súa desaparición desde a Confederación Intersindical de Lugo aseguran que foron operarios de Urbaser --a empresa concesionaria da recollida do lixo municipal-- os que procederon á súa retirada "por orde do Goberno" dirixido por López Orozco (PSOE). 

Desde o sindicato tildan a actitude do executivo de "inquisitorial, sectaria e censora" ao tempo que lembran nunca antes o material co que anuncian a manifestación do Día da clase traballadora sufrira dano algún. Espazos, acrecentan, que son habitualmente ocupados por outros anuncios como a Feira do Mel ou a Semana do Cine. 

Asemade, explican, contan coa autorización da Subdelegación do Goberno. 

Comentarios