CIG denuncia que o concello de Betanzos abre un expediente a unha súa delegada a instancias da UGT

O sindicato nacionalista ve "persecución sindical" e censura a UGT por "teimar en ir contra os traballadores deste concello no canto de defendelos".

De acordo cun comunicado pendurado na web da sección sindical da CIG do concello de Betanzos, o goberno local teríalle aberto un expediente informativo a unha integrante do sindicato nacionalista, aliás membro do comité de empresa, e teríao feito a instancias da representación sindical da UGT.

A persoa expedientada é delegada de prevención de riscos laborais e, nunha reunión co cadro de persoal e o concelleiro responsábel desta área, puxo en destaque que o incumprimento das súas obrigas por parte dunha traballadora estaba a carregar de tarefas ao resto de funcionarias e funcionarios. 

De acordo coa CIG, a representación sindical da UGT, que non tería asistido a esta reunión, tería trasladado ao alcalde (PSdeG-PSOE) unha versión dos feitos que non se axustaría ao realmente acontecido. A resultas desta información fornecida polo sindicato estatal, o alcalde tería tomado a determinación de abrir o expediente informativo.

Despedimento improcedente

CIG salienta que o goberno local de Betanzos "foi o que hai dous anos despediu de xeito improcedente ao secretario do Comité de Empresa, entre outros compañeiros, e entre os que curiosamente non estaban os delegados da UGT". A seguir, engade que "hai un ano abriulle un expediente por primeira vez a un dos compañeiros da CIG readmitidos e agora colma o vaso expedientando a unha delegada de prevención de riscos laborais por faladurías que a UGT non pode nin demostrar".

O sindicato nacionalista resalta que os seus delegados en riscos laborais teñen denunciado en varias ocasións o concello perante a Inspección de Traballo, o que tería resultado en diversos apercibimentos por parte da autoridade laboral ao goberno local de Betanzos.

Estas denuncias da CIG perante a Inspección de Traballo terían sido tamén criticadas pola representación sindical da UGT, á que o sindicato nacionalista critica con dureza: "[A UGT é] sempre partidaria de non denunciar as irregularidades diante da autoridade laboral e tapar toda canta merda hai neste Concello".

Comentarios