A CIG denuncia que a burocracia impide protexer os máis vulnerábeis

O sindicato CIG critica as "farragosas" medidas artelladas polo Goberno español para compensar o cese da actividade.
Paulo Carril (CIG).
photo_camera Paulo Carril (CIG).

As medidas económicas anunciadas a pasada terza feira polo Goberno español non deixan de ser "tímidas modificacións ou ampliacións da cobertura necesaria nun momento de emerxencia e de desprotección de amplos sectores da sociedade e da clase traballadora". Así o ve o sindicato CIG, para o que os mecanismos de protección previstos neste decreto son, "farragosos, escasos e dunha burocracia que dificulta e mesmo impide a protección real das persoas máis vulnerábeis".

Un dos aspectos que máis chama a atención ao secretario xeral da CIG, Paulo Carril, é o cambio do uso dos cartos das cotizacións da seguridade social destinados a formación para prestacións sociais e de desemprego, unha modificiación que considera "moi grave" e que se podería ter evitado pola "vía impositiva ás grandes fortunas, ás grandes empresas ou a través da intervención pública de sectores estratéxicos da economía hoxe en mans privadas (a banca, as grandes eléctricas…)".

Carril incidiu na situación das empregadas do fogar que, como denunciou, "xa cobran uns salarios miserentos" e ás que agora se lles fala dunha renda cativa como compensación á paralización da súa actividade. Como tampouco pode ser, para o secretario xeral da CIG, "que se fale dunha contía que é menor ao subsidio, para aquelas persoas despedidas que non teñen desemprego, cando o normal sería que se se prohibe o despedimento, fosen incorporadas aos ERTE e á posibilidade de ter as mesmas condicións que outras traballadoras".

Permiso retribuído

Para Carril, de terse aplicado, como propuxo a CIG desde o primeiro día, un permiso retribuído para cumprir un deber inescusábel e creado un fondo público de compensación para as empresas, a solución sería máis xusta para a maioría social e evitaríase o actual caos.

Fronte a isto, sinala, o Goberno español vai aprobando decretos sucesivos nos que se van corrixindo a si mesmos, polo que "ao final, estamos falando dunha sucesión de parches, cando o que precisamos son medidas máis globais e con alternativas máis amplas para o conxunto da clase traballadora".

A isto engade que, fronte á presión das grandes empresas para manter a actividade "cando é máis que dubidoso que sexan servizos esenciais", a vida das persoas e a emerxencia sanitaria deberían ser "a prioridade".

Comentarios