A CIG denuncia a actuación policial "desproporcionada" e "brutal" durante a folga do metal na Coruña

Traballadores do sector do metal secundaron a segunda xornada de folga convocada pola CIG, CCOO e UXT, para reclamar un convenio para as 16.000 persoas que dependen deste sector nas comarcas coruñesas.
Momento da agresión a un traballador do metal. (Vídeo: CIG)
photo_camera Momento da agresión a un traballador do metal. (Vídeo: CIG)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou nas súas redes sociais a actuación policial "desproporcionada, brutal e inxustificada" durante a segunda xornada de folga do sector do metal na Coruña.

Nun vídeo difundido polo sindicato, pode verse como varios axentes da Policía Nacional española agreden un dos traballadores que acababan de manifestarse.

Nas imaxes vese como até cinco policías reducen o traballador no chan, mentres outros axentes evitan que o resto de manifestantes se acheguen.

Un dos policías presiona o pescozo do traballador, que mostra síntomas de asfixia, mentres o resto de traballadores do metal berran "quítalle a man do pescozo".

"Somos traballadores/as, non delicuentes! O metal en loita por un convenio digno", proclama o principal sindicato galego.

Segunda xornada de folga

Traballadores do sector do metal secundaron a segunda xornada de folga convocada pola CIG, Comisións Obreiras (CCOO) e Unión Xeral de Traballadores (UXT), para reclamar un convenio para as 16.000 persoas que dependen deste sector nas comarcas coruñesas.

Entre as peticións dos representantes sindicais está garantir o poder adquisitivo dos salarios e adquirir novas melloras laborais e sociais.

Segundo precisaron os sindicatos, o seguimento da folga acadou unha cota entre 80% e 90% dependendo da empresa.

Comentarios