Convocan xuntanza a cuarta feira 2 de maio

CIG, CUT e STAJ chaman á Xunta a retomar as negociacións na greve da Xustiza

Os tres sindicatos que manteñen as reivindicacións maioritarias dos traballadores e traballadoras da Xustiza chaman á Xunta a retomar as negociacións. “Queremos unha negociación real que permita rematar de maneira definitiva co conflito”, afirmaron en comparecencia de prensa os representantes de CIG, CUT-Alternativa pola Xustiza e STAJ.
 

18-04-30_RP_Xustiza_ACorunha_1
photo_camera Traballadoras da xustiza en comparecencia de prensa. Foto: CIG.

A pasada sexta feira, a maioría do funcionarado -52,8%- votou en contra do pacto acadado polo Goberno galego con catro das sete centrais sindicais que apoiaron, durante 80 días, a greve indefinida. Nesta segunda feira, as asembleas de traballadores mandataron a CIG, CUT e STAJ a convocar a Xunta á mesa de negociación. Fixérono para a cuarta feira, 2 de maio, ás dez da mañá.

“Instamos á Xunta a que o mércores acuda á reunión e agardamos que as demais centrais tamén se sumen”, expuxo Óscar Freixedo, membro do comité de folga pola CIG. Os tres sindicatos chaman a USO, UGT, CSIF e CCOO “a se sumar á loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras da xustiza, retomar a unidade sindical e defender a última oferta presentada en conxunto polo comité de folga”.

“Ao persoal non lle valeu o caramelo do preoacordo da Xunta”, esténdese Freixedo, “manter esa farsa e querer deslexitimar o resultado da votación demostra unha vez máis o talante da Xunta”. Despois de que os funcionarios e funcionarias da Xustiza botasen abaixo o acordo entre Xunta e catro sindicatos, varios altos cargos -o vicepresidente Alfonso Rueda incluído- acusaron aos sindicatos folguistas de “intimidar os traballadores” o día da votación.

“Non existe ningunha acta nin ningún atestado levantado sobre eses extremos. O que houbo foron reproches por parte do persoal dirixidos aos catro sindicatos polo que se consideran traizoados e traizoadas”, engade o sindicalista da CIG, “pola contra coaacionar é convocar unhas votacións sen explicarlle ao persoal que vai votar”. As organizacións sindicais que pactaron co Goberno de Feixóo “non convocaron asembleas previas para informar dos temos do mesmo”.

Impugnación


O propio Alfonso Rueda insinuou que os resultados da sexta feira deberían ser impugnados. Ao que Freixedo contrapón o “sen sentido” que suporía. As votacións foron convocadas polos catro sindicatos que pactaron coa Xunta, e elas mesmas fixeron as papeletas, o regulamento, permitiron votar a quen figuraba no censo e levantaron acta do resultado. “Contra quen van recorrer cando non houbo máis parte ca unha nesa votaciçón”, dixo o sindicalista da CIG.

Comentarios