CIG e CUT denuncian ante o Ministerio de Traballo a "precariedade" e "sobrecarga" na planta de PSA Vigo

Piden que “tome cartas no asunto”.

citroen folga
photo_camera Imaxe dunha mobilización de operariosd da planta viguesa.

Os sindicatos CIG e  CUT trasladaron ao Ministerio de Traballo nas últimas horas as súas denuncias sobre a "precariedade laboral" e a "sobrecarga" de traballo do persoal na fábrica de PSA Peugeot Citroën en Vigo, e reclamaron ás administracións "que tomen cartas no asunto".

Así, os responsábeis das seccións sindicais de CIG e  CUT (Manuel Domínguez e Vítor Mariño, respectivamente) mantiveron un encontro en Madrid coa directora xeral de Traballo, Verónica Martínez Barbeiro, á que informaron dos "principais problemas" que, ao seu xuízo, afectan as liñas de produción na factoría viguesa.

A ese respecto, os sindicatos denunciaron que as medidas de prevención implementadas debido á pandemia de coronavirus, como desinfeccións ou uso de máscaras, deben ir acompañadas dun tempo adicional para que os traballadores poidan prepararse, xa que ata o de agora a adopción desas prevencións debe facerse nos tempos de parada.

Así mesmo, denunciaron as "cargas de traballo abusivas" e incidiron en que é "incompatible" adoptar todas as medidas obrigatorias de protección e, ao mesmo tempo, manter os ritmos de produción de antes da pandemia.

"Deberiamos dispoñer de medios e tempo para compatibilizar ambas as necesidades, sen que iso penalice os traballadores", apuntaron.

Por outra banda,  CUT e CIG tamén trasladaron á Dirección Xeral de Traballo a necesidade de "regular" a contratación a tempo parcial no persoal de PSA Vigo para que se garanta un mínimo de contratación a tempo completo, polo menos nas quendas de día (8 horas), co fin de "reconducir a precariedade laboral actual".

O aumento dos ritmos e cargas de traballo están a levar os operarios da automoción até o extremo, someténdoos a unha sobrecarga física e mental. Os sindicatos levan tempo alertando desta situación, nomeadamente na factoría PSA Citroën de Vigo. Mesmo impulsaron diferentes accións, desde feches a manifestacións, para denunciar esa realidade. 

Comentarios