A CIG mostrou esta segunda feira a súa ledicia polo "éxito" da primeira das catro xornadas de folga convocadas os sábados deste mes nas ITV galegas, que a central nacionalista asegura que tivo un seguimento de 95% dos traballadores e das traballadoras.
Nun comunicado, o sindicato expresou a súa satisfacción polo transcurso do primeiro día de folga, o pasado sábado día 10 de agosto, ao que seguirán as convocatorias dos tres próximos sábados deste mes (os días 17, 24 e 31).
A central nacionalista censura a falta de "achegamento" coa empresa concesionaria do servizo na Galiza, SyC Applus, á que piden que poña sobre a mesa "avances" respecto a unha primeira proposta inicial "que apenas variou".
Censuran que a concesionaria, que ten o servizo de ITV nas estacións galegas desde o ano 1987, "permanece inmóbil" cando os traballadores e as traballadoras "rebaixaron as súas pretensións para tratar de achegar posturas e facilitar o proceso de negociación".
Ademais de dirixirse á empresa, a CIG tamén apunta á responsabilidade da Xunta da Galiza como responsábel da competencia sobre a inspección de vehículos a nivel galego. Por este motivo, a central sindical demanda ao Goberno galego que traslade a documentación sobre os termos da concesión.
Os traballadores e as traballadoras tamén reclaman avances tras anos de "salarios conxelados" a pesar dos incrementos de prezos nas taxas para pagar polos usuarios e as usuarias e dos "beneficios de 22 millóns de euros" dos que goza a compañía.
Ademais de melloras nas retribucións, a parte social tamén demanda cuestións relativas á xornada e os días de libre disposición, a "eliminación" das diferenzas entre o persoal de nave e igualar o plus de quenda que varía en función da categoría.