venres 05/03/21

Fronte común de CIG, ELA e CSC pola derrogación "urxente" da reforma laboral

Anuncian mobilizacións na Galiza, Euskadi e Catalunya o 25 de marzo
CIG ELA CSC

Os sindicatos CIG (Galiza), ELA (Euskal Herria) e CSC (Catalunya) acordaron pór en marcha unha campaña conxunta para impulsar os cambios legais necesarios no Congreso co fin de derrogar as últimas reformas laborais e da negociación colectiva mais reforzar a axenda social, unha necesidade que consideraron aínda máis urxente na actual situación "de pandemia e empobrecemento xeral da clase traballadora".

Con este obxectivo, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, xunto ao máximo responsábel do sindicato vasco ELA, Mitxel Lakuntza, e da Intersindical-Confederación Sindical Catalá, Sergi Perelló, anunciaron a convocatoria de mobilizacións o 25 de marzo na  Galiza, Euskadi e Catalunya.

"Urxente e inaprazábel"

Nunha rolda prensa telemática, Carril reivindicou un cambio real de políticas "de forma urxente e inaprazábel" para "camiñar cara a unha situación de emprego, salarios, pensións e condicións de traballo dignas". Mudanzas que, segundo dixo, "pasan pola inmediata derrogación total, non parcial, das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións e a aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos roubados e recoñeza novos dereitos para frear as novas formas de explotación laboral que están inundando o mundo do traballo".

Relacións laborais

Neste sentido, advertiu da urxencia de frear a sucesión de despedimentos masivos que estamos a vivir "por decisións unilaterais da Patronal e sen control ningún por parte das Administracións Públicas".

Sobre esta cuestión, Mitxel Lakuntza advertiu do perigo de que os ERTES poidan converterse en ERES ao se manter en vigor aspectos da reforma laboral que facilitan o despedimento colectivo, como o feito de non precisaren autorización administrativa. E advertiu da "falta de consistencia" do PSOE á hora de levar adiante cuestións de carácter social.

Desde a CSC, Sergi Perelló incidiu na necesidade dun sistema de protección social forte, unha fiscalidade progresiva e un tecido produtivo sostíbel con salarios e condicións dignas.

A crise da Covid

O secretario xeral da CIG advertiu que a "crise económica e social" derivada da crise sanitaria "non afecta por igual a todas as clases sociais nin a todos os pobos e nacións" ademais de denunciar que se priorizara o vigor da economía "en prexuízo claro da saúde e do benestar do conxunto da poboación". 

comentarios