A CIG cre que a “residual” suba do salario mínimo provocará “exclusión”

A central nacionalista critica ao Goberno central e lembra que por ver primeira “constátase que ter un emprego xa non asegura estar fóra da exclusión social” e denuncia o aumento da “precariedade”.

photo_camera Acto da CIG

“Os traballadores e as traballadoras son cada vez máis pobres e constátase o feito de que ter emprego non asegura vivir fóra da exclusión social. Con todo, o Goberno español do PP incrementará o salario mínimo interprofesional (SMI) tan só un 0,5% (tres euros ao mes) en 2015 tras dous anos consecutivos de conxelación”, quéixase a CIG nunha nota pública coa que valorou os datos laborais do exercicio 2013 que vén de dar a coñecer o Ministerio de Facenda e que a central nacionalista considera que falan de “exclusión” e “precariedade”.

"O Goberno estimula os contratos parciais" sostén Antolín Alcántara

“Entre o máis relevante atopamos o incremento desproporcionado da contratación a tempo parcial incentivada polo Goberno español do PP nos últimos dous anos. Esta modalidade de contrato concentra o núcleo de salarios que afecta a máis de 177 mil persoas en Galiza e a máis de 2 millóns no Estado que ingresan menos de 200 euros por mes. O 18, 3% en Galiza e o 17,8% no Estado. A continuación, o seguinte chanzo de pobreza represéntao o grupo que ingresa menos do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). En total, 299.600 en Galiza, o 30,9%, e o 30,2% no Estado” relata a CIG; que por medio de Antolín Alcántara, secretario de Negociación Colectiva, afirma que “o Goberno é consciente desta bolsa de pobreza pero estimula estes contratos porque son o principal activo para mitigar a cifra de desemprego”. 

Na actualidade, o SMI está en 645 euros/mes, “deliberada e conscientemente lonxe dos 800 euros prometidos en 2007”, afirma a CIG, que engade que esta cantidade “contrasta cos 1445 de Alemaña e Francia ou cos 1485 dos Países Baixos. Esta diferenza delata unha asociación entre pobreza salarial e actividade económica. Os países con SMI máis esaxeradamente elevados en comparación cos do Estado español teñen unha economía máis sólida, más competitiva, menos precariedade e menos crise.” "Por tanto, os salarios baixos non melloran a economía, senón que a deprimen", explica Alcántara

Comentarios