CIG consolídase como primeira forza sindical na Galiza

En comarcas como Vigo, A Coruña, Ferrol, Pontevedra e Compostela a central é primeira forza con porcentaxes de 30% ou superiores. É a máis representativa en sectores como administración pública, construción, sanidade, industria, ensino ou servizos. 

Primeiro de Maio CIG.
photo_camera Primeiro de Maio CIG.

CIG consolídase como primeira forza sindical na Galiza en canto a representación. O sindicato nacionalista era a primeira forza sindical na Galiza en afiliación e capacidade mobilizadora. Esta era a afirmación que o sindicato nacionalista mantiña nestes anos sobre si propio. A mediados de 2018, os datos tamén ratificaban que a CIG era o primeiro sindicato no país en número de delegados e delegadas, no que era un paso de gran importancia para o nacionalismo e tamén para o sindicalismo de contrapoder. Galiza, canda Euskadi, rachaba co mapa do Estado dominado por dúas centrais, CCOO e UXT, de ámbito español e que apostan no pacto social.

Agora, a  catro meses do remate do período concentrado de eleccións sindicais, o sindicato informa de que “avanza na súa posición como primeira forza sindical do país confirmándose así a liña de crecemento que se foi dando en cada proceso electoral”. Chama a reforzar o traballo para que esa posición, ao finalizar o ano, “quede definitivamente consolidada”.

En comarcas como Vigo, Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Compostela, informa a CIG, é a primeira forza, con porcentaxes de arredor de 30% ou mesmo superiores. Ademais, é primeira forza en sectores como administración pública, construción, sanidade, industria, ensino ou servizos. 

A central chama, ademais, a clase traballadora galega a garantir co seu voto unha representación “que defenda, de xeito inquebrantábel, os seus dereitos”.

Comentarios