CIG Correos non "cre" nas cifras oficiais de contaxiados facilitada pola empresa

A central sindical informa de que "maxicamente" se reduciu o número de positivos confirmados ou sospeitosos de 1.000 a máis da metade.
Oficina de Correos.
photo_camera Vista exterior dunha oficina de Correos na Galiza (Foto: Nós Diario).

Correos vén de comunicar ás centrais sindicais o número oficial de contaxios na compañía, máis desde a CIG critican que a empresa pública "fala só do que lle interesa" e "non especifica nin provincias nin centros de traballo".

"Desde a CIG non cremos estes datos, sobre todo desde que de forma máxica pasamos de ter 1.000 contaxiados ou probábeis a menos da metade, segundo eles porque aplicaron o sistema de reconto do Ministerio de Sanidade", explican.

Así, e sempre segundo a empresa, os contaxios verificados por test son 65, dos que 27 xa se atopan dados de alta, mentres que os "posíbeis contaxiados" son 580, dos que 394 son altas. Ademais, hai 2.936 persoas do cadro de persoal en corentena.

As maiores e enfermas, a traballar

A partir do día 11, Correos esixe ás traballadoras con máis de 60 anos "sen patoloxías asociadas ao  COVID-19 e sen baixa médica" que se reincorporen ao seu posto de traballo.

Desde CIG móstranse "en contra" do plan de desconfinamento deseñado pola empresa, pois segundo o sindicato "o único obxectivo que ten é recuperar a actividade produtiva normal da empresa canto antes, priorizando o negocio á seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras".

Ademais, denuncian a "presión" que está a exercer a empresa "ás compañeiras que están de baixa por ser persoal sensíbel" para que se incorporen aos seus postos, "con chamadas do xefe de quenda ou das Mutuas, ou mesmo de ambos, para que se incorporen aos seus postos de traballo canto antes".

Comentarios