CIG Correos cuestiona a decisión da empresa de comezar a "desescalada"

O sindicato denuncia o "perigo" que supón volver ao traballo "sen que se realicen os test a todo o persoal", pois consideran sería unha "temeridade e unha irresponsabilidade" ao expoñer "a máis traballadores sen saber se temos persoal contaxiado que é asintomático".

Vehículos de Correos diante da sede da empresa pública no centro da Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vehículos de Correos diante da sede da empresa pública no centro da Coruña (Foto: Nós Diario).

Concluída unha reunión que CIG Correos definiu como “meramente informativa”, o sindicato anunciou que a empresa pública ten a intención de comezar a “desescalada”, incorporando o persoal para traballar.

Seguindo o procedemento de actuación ditado polo Ministerio de Sanidade, os traballadores e as traballadoras considerados “sensíbeis” por padecer patoloxías previas, así como as persoas maiores de 60 anos sen patoloxías ou as que estean de baixa, terán que comezar a reincorporarse, “excepto os hepáticos e renáis crónicos”

A CIG está “frontalmente en contra” da incorporación de calquera tipo de persoal e de iniciar unha  desescalada “sen que se realicen os test a todo o persoal”, o que consideran sería unha “temeridade e unha irresponsabilidade”, pois significaría “expoñer a máis traballadores sen saber se temos persoal contaxiado que é asintomático”.

Por outra banda, cuestionan a veracidade do “novo sistema de notificación de afectados pola COVID-19” implantado pola empresa, pois “grazas a el desapareceron como por encantamento case todos os contaxiados”. Así, “dos case 1.000 contaxios ou posíbeis contaxios, máis os 3.000 en corentena, pasouse a só 49 positivos confirmados por PCR ou test de anticorpos, con 11 altas; 389 probables ou posibles prescritos polos Servizos Médicos, con 195 altas; 2.720 en Illamento e corentena, con 1.496 altas”.

Para a CIG, estes datos “están manipulados”. “Como é posible que desaparecesen a metade de casos de contaxio? Onde están?”, pregunta o sindicato, para o que está “bastante claro” que se están a “maquillar as cifras para xustificar a desescalada”.

Comentarios