CIG Correos critica á dirección da empresa pública e esixe "medidas reais" contra a COVID-19

O sindicato denuncia que Correos é “o segundo sector público máis afectado polos contaxios da COVID-19” e que as traballadoras e traballadores teñen un sentimento de "vulnerabilidade".

Vehículos de Correos diante da sede da empresa pública no centro da Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vehículos de Correos diante da sede da empresa pública no centro da Coruña (Foto: Nós Diario).

O Delegado Sindical de CIG Correos na Coruña, Xosé Fernando Novás, vén de achegar ao Director da Zona nº 1 de Correos en Compostela unha carta na que lle traslada a súa “preocupación” pola actitude da Dirección da Empresa Pública e dalgúns dos seus mandos intermedios, e pide que “se traslade esta inquedanza ao presidente da compañía.

Novás insta a facer cumprir ao 100% o protocolo contra a COVID-19, chama a “insuflar en todo o persoal de Correos a filosofía de máxima prevención-mínima exposición”, e suxire que a empresa “lave a cara realmente, dotándose de test de detección rápida para o persoal de primeira liña de exposición”, contribuíndo así “á contención do coronavirus con medidas reais, e non con escenificacións para a galería”

CIG Correos reclama, asemade, que o Goberno de España faga unha “revisión” dos obxectos postais que deben ser admitidos e distribuídos na rede debido o Servizo Postal Universal que a empresa está obrigada por lei a respectar.

Xosé Fernando Novás considera que as decisións tomadas no pasado recente foron “desafortunadas”, e que por iso Correos é “o segundo sector público máis afectado polos contaxios da COVID-19”. “Que as traballadoras e traballadores de correos séntense vulnerábeis é un clamor”, engade

Di Novás que Correos “esforzase máis en facer propaganda que en promover e vixiar a correcta e completa aplicación do protocolo e das instrucións para o persoal”, e considera que a dirección “dedica máis esforzos a lavar a imaxe comercial da empresa con propaganda de ‘aplausos a las ocho’, ben merecidos, por suposto, pero que supoñen un desprazamento e exposición innecesarios fora da xornada do persoal, pois Correos non presta servizos na rúa despois das 14 horas.

Comentarios