CIG-Correos carga contra a empresa por "incrementar os servizos" durante a pandemia

O sindicato denuncia que a dirección de Correos, “facendo unha interpretación do Real Decreto 10/2020 favorábel aos seus intereses comerciais”, vai incrementar os servizos a prestar a maiores do Servizo Postal Universal.
Oficina de Correos.
photo_camera Oficina de Correos.na Galiza (Foto: Nós Diario).

O sindicato CIG-Correos denuncia que a dirección da empresa pública, “facendo unha interpretación do Real Decreto 10/2020 favorábel aos seus intereses comerciais”, vai incrementar os servizos a prestar a maiores do Servizo Postal Universal.

“O que sexamos o segundo sector público con máis casos de contaxios (731 contaxiados e 2.022 en corentena) despois do sanitario non fixo recapacitar á Dirección de Correos na súa idea de ampliar o negocio”, critican.

Segundo a central sindical, os tres servizos que prestan a  maiores do Servizo Postal Universal son a distribución de Prensa, de produtos sanitarios e medicamentos e de produtos alimentarios, excepto refrixerados.

Desde CIG-Correos insisten en que o máis importante nestes momentos debería ser “a saúde das traballadoras e deter a sangría de contaxios”, para o que piden que tanto na distribución, como na loxística e na rede de oficinas se organicen “catro quendas rotatorias co persoal mínimo imprescindíbel, é dicir, 25%”, coa finalidade de que un traballador acuda ao seu posto un de cada catro días e así “minimizar á súa exposición ao virus”.

Ademais, reclaman que a empresa entregue a todas as traballadoras luvas, xeles hidroalcohólicos individuais e máscaras, así como que se remate a colocación de biombos de metacrilato nos postos de atención ao público.

Comentarios