10 de abril en Compostela

A CIG convoca unha manifestación contra o “deserto industrial ao que se aboca Galiza”

Loitar contra o “deserto industrial ao que se aboca Galiza” é o obxectivo principal da manifestación que a CIG vén de convocar para o 10 de abril. Un percorrido, a partir das 12.00 horas, entre a facultade de Dereito e a Consellaría de Economía e Industria, en Compostela, reivindicará outra política económica.
 

Mobilización de traballadores e traballadoras de Alcoa
photo_camera Manifestación en defensa de Alcoa. Foto: @amarinha_2

O sindicato nacionalista avisa dunha “perda importantísima” de traballo industrial nas electrointensivas, o naval e a automoción que, ao ver do secretario nacional de CIG Industria Xoán Xosé Bouzas, “están a deixar morrer”. E reclama políticas para reducir costes enerxéticos, maior estabilidade no emprego e recursos para a innovación e a formación.

Os datos que manexa o sindicato indican que, entre Ferrol e Vigo, hai 3.000 empregos no naval, cando chegou a haber 18.000. Ao tempo, as turbulencias que atravesa Alcoa levan á desaparición da industria electrointensiva “tal e como se coñecía desde hai 50 anos”, en palabras do delegado da CIG en Alcoa A Coruña Julio Moskowich.

“Van pechar industrias en Galiza por un problema de prezos de enerxías mentres a comunidade exporta o 40% do que produce”, engadiu, “e mentres, o Goberno só fai propaganda. O estatuto das electrointensivas o único que ten de estatuto é o nome”. Segundo Moskowich, a raíz do problema é o prezo da enerxía. Alcoa pasou de pagar 54 millóns en 2013 a pagar 100 en 2018.

No ámbito da automoción, o terceiro sector en que a CIG ve problemas graves, a precarización é cada día máis a norma: medra a “flexibilidade”, baixan os soldos, non hai formación nin políticas para rexuvenecer os cadros de persoal. “Non queremos ser un país de servizos, queremos ser un país industrial”, concluíu na presentación da mobilización do dez de abril a responsábel de automoción da CIG, María Xosé García.

Comentarios