CIG convoca folga no Metal o 12 de maio e pide CCOO e UXT "que se comporten como sindicatos de clase"

Reclama ás centrais "que non asinen" o convenio provincial de Pontevedra e "escoiten o sector"

metal vigo CIG
photo_camera Imaxe da concentración perante a patronal do metal

O sindicato CIG anunciou esta terza feira a convocatoria de folga de media xornada no sector do Metal da provincia de Pontevedra para o próximo 12 de maio, e fixo un chamamento a CCOO e UXT para que non asinen o convenio provincial (para o que hai un preacordo do que se desmarcou a central nacionalista) e "se comporten como sindicatos de clase".

Así o trasladou o responsábel de Industria da CIG na comarca de Vigo, Xulio Fernández, durante unha concentración de delegados fronte á sede de Asime, patronal do Metal.

Fernández anunciou a xornada de folga e chamou os sindicatos que atinxiron un preacordo para o convenio cos empresarios para "reflexionar", xa que o texto pactado acordouse "por detrás, sen consultar aos traballadores".

Segundo incidiu, CCOO e UXT "están a traizoar ao sector" aceptando un convenio "moi  regresivo", que "ataca os máis precarios", que son os eventuais, ao eliminar o  prorrateo da indemnización por despedimento, que foi unha "conquista histórica".

"Se se paga todo xunto ao final do contrato, moitas empresas obrigan os traballadores a renunciar á indemnización se queren renovar e seguir traballando", denunciou.

Ademais de apelar á "reflexión" destas centrais, o responsábel de Industria tamén fixo un chamamento aos traballadores "para que teñan claro a quen se vota cando elixen os seus delegados".

Xulio Fernández pediu a CCOO e UXT "que non asinen" e sinalou que a CIG "tende a man" para retomar a negociación do convenio, aínda que os outros sindicatos "sempre acaban traizoando no último momento". "Que non asinen, que escoiten o sector", insistiu.

Ademais da concentración perante a sede de Asime, esta terza feira houbo outra protesta en Vigo, de operarios de auxiliares que, do mesmo modo que asegunda feira, volveron cortar o tráfico fronte ao estaleiro Freire. A Plataforma de Traballadores do Metal reclama, con este novo acto reivindicativo, que non se asine o convenio, que cualifican de "traizón sindical".

Comentarios