As centrais sindicais chaman a mobilizarse no Día da Clase Obreira Galega

A CIG convoca mobilizacións en Ferrol, Vigo e Compostela en defensa do dereito ao traballo. CC.OO-UGT-USTG  tamén sairán ás rúas na defensa da negociación colectiva. Pola súa banda a CUT centrará nun acto en Vigo a conmemoración do Día da Clase Obreira Galega.

DSC_0293
photo_camera [Imaxe: O. RODIL]

Con motivo do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega a Confederación Intersindical Galega convoca ás traballadoras e traballadores a secundar as mobilizacións e concentracións que terán lugar por todo o país baixo o lema: Emprego na Galiza. A central sindical nacionalista conmemorar este ano o asasinato en 1972 de Amador e Daniel --a mans da policia-- lembrando que "en 2014 vivimos outra ditadura: a dun réxime ateigado de corrupción que goberna a favor dos máis ricos, dos bancos e das grandes empresas". 

Así pois chaman á clase traballadora a reinvidicar no seu día o dereito ao traballo digno. Neste senso, lembran a Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola CIG e que levará ao Parlamento galego 100 propostas concretas para o "crecemento económico e a xeración de emprego". 

"En 2014 vivimos outra ditadura: a dun réxime ateigado de corrupción que goberna a favor dos máis ricos", din desde a CIG na súa convocatoria

O acto central do sindicato nacionalista terá lugar, coma todos os anos, en Ferrol, onde foron asasinados os dous obreiros --alá polo 1972-- no decorrer das fortes mobilizacións a prol dun convenio colectivo xusto. A xornada de mobilización comezará cunha asemblea de delegados/as (ás 10:30 horas) e continuará ás 12:30 horas, coa tradicional ofrenda floral aos pés da estatua na memoria de Amador Rei e Daniel Niebla, "vítimas mortais da brutal represión fascista que acompañou a loita daqueles semanas", lembran desde a CIG. 

Reivindicacións, aseguran, "que cobran especial relevancia no actual contexto no que todas as políticas aplicadas van encamiñadas a provocar unha caída dos salarios e acelerar o empobrecemento das clases populares" e do que a comarca de Ferrolterra é un exemplo ben descritivo. Porén, a central sindical tamén convoca manifestacións en Compostela e Vigo, ás que se sumarán outras comarcas e localidades do país con concentracións de delagad@s que de maneira simbólica reclamarán o dereito d@s traballador@s a un posto de traballo digno. 

Horarios e lugares das manifestacións
Ferrol, ás 20:00 horas dende os locais da central sindical. Ás 12:30 horas realizarase a ofrenda floral no monumento 10 de Marzo.
Vigo, ás 19:30 horas dende Vía Norte.
Compostela, ás 20:00 horas dende a Praza Roxa.

CC.OO-UGT-USTG, pola negociación colectiva

Pola súa banda, CC.OO, UGT e USTG tamén sairán á rúa en Ferrol cunha manifestación nacional ás 19.30h. Os tres sindicatos centrarrán as súas reivindicacións con motivo do 10 de marzo na loita a prol do convenio colectivo baixo o lema, Contra a exclusión e a probreza: crecemento e emprego. Salvemos a negociación colectiva!

Os actos de conmemoración do Día da Clase Obreira Galega iniciáronse cunha homenaxe institucional ás 11.30h tamén face a escultura que lembra aos dous obreiros asasinados que proseguerán ao longo da xornada con concentracións en todas as cidades do país.

A CUT centrará a data nun acto en Vigo

Tamén desde a CUT focan a atención do 10 de marzo nos recortes e as políticas anti-sociais implementadas polos gobernos da dereita. Neste senso, denuncian no manifesto de convocatoria, a crise "está a servir de escusa ao capital para lograr desmontar todo o logrado durante anos de loita obreira" polo que chaman ás organizacións políticas, sindicais e colectivos sociais a se "unir" nas distintas loitas "cun mesmo obxectivo: derrubar o sistema capitalista". 

Desde a central sindical chaman a cidadanía a participar no acto que organizan en Vigo con motivo do Día da Clase Obreira Galega. Terá lugar no Calvario ás 20.00h. 

Comentarios