CIG, CCOO e UGT principian as mobilizacións por un novo convenio provincial do metal en Pontevedra

Desenvolveron unha concentración en Talleres Fontán en Vigo para esixir a reapertura das negociacións.

metal pontevedra convenio

CIG, CCOO e UGT desenvolveron esta segunda feira a primeira das protestas do calendario de mobilizacións convocado en resposta á decisión da patronal do metal pontevedrés de suspender as negociacións para renovar o convenio colectivo provincial. Delegados e delegadas das 3 centrais sindicais levaron a cabo unha concentración en Talleres Fontán en Vigo, mentres que o día 11 trasladaranse a Valga para facer o mesmo diante de Urovesa. E o 24 de marzo teñen previsto celebrar unha asemblea de traballadores/as do sector fronte ao Náutico de Vigo.

Os concentrados criticaron a actitude dunha patronal á que responsabilizan de rachar as conversas tras 14 xuntanzas, “levantándose da mesa e mantendo as súas imposicións e actuando con pasividade e inmobilismo dende o inicio das reunións”. Tamén se interrompeu o tráfico durante uns minutos.

As centrais inciden na necesidade que teñen os traballadores do sector “dunha modernización do convenio, con redución de xornada, subrogación, licenzas, limitación dos centros especiais de emprego, acoso laboral, contratación indefinida, categorías, plans de igualdade, dietas, plus de gardas e unha suba salarial acorde o esforzo que os cadros de persoal fixeron durante todo este tempo de pandemia”.

Comentarios