4 MEMBROS DO COMITé ELEITOS NA LISTAXE DE COMISIóNS VOTARON COA EMPRESA

CIG e CCOO impugnarán o convenio colectivo de Navantia asinado esta terza feira en Madrid

CC OO desautorizou os seus delegados.

Estaleiros de Navantia na ría de Ferrol
photo_camera Navantia

Os votos de catro dos cinco membros de CCOO e dos tres da UGT na comisión negociadora abondaron para ratificar esta terza feira, once meses despois da sinatura do preacordo e após o visto bo da comisión interministerial de retribucións no sector público, o IV convenio colectivo de Navantia, que será impugnado nos xulgados polo sindicato estatal e mais pola CIG.

O representante galego de Comisións e o da central nacionalista cualificaron de “ilexítimo” o documento despois de que a compañía pública autorizase a participación dos catro membros de CCOO –delegados dos estaleiros do sur- que foron cesados da súa responsabilidade na mesa negociadora polo propio sindicato logo de que durante o proceso se manifestasen fondas discrepancias entre os voceiros dos distintos centros produtivos. Hai que lembrar, neste sentido, que as factorías da ría de Ferrol foron as únicas que se opuxeron á firma do preacordo o outono pasado, ao entender que todas as renuncias caían da parte social e de que, ao remate da ultraactividade –isto é, a prórroga de máis dun ano do convenio, a partir do 1 de xaneiro próximo- non existe ningún compromiso para o mantemento do emprego ou de non aplicación de ERE. Ademais, tampouco se contempla a participación dos sindicatos na elaboración do plan industrial da compañía.

A CIG fala de métodos franquistas

Malia a decisión da Federación de Industria de CCOO de desposuír da súa potestade para asinar o preacordo aos catro delegados que en outubro deron o seu voto afirmativo ao convenio, estes non fixeron caso e, en comandita con Navantia, que si permitiu a súa participación argumentando que os membros da mesa de negociación poden ser nomeados polo comité intercentros –en realidade é só o sindicato quen o pode facer-, sacaron adiante un convenio que, polo demais, xa está prorrogado, pois a súa vixencia concluíu o 31 de decembro pasado.

Navantia emitiu unha nota na que se parabeniza por unha ratificación que, di, permite “avanzar no marco laboral da empresa cara á consecución dun convenio único”, afirmación que foi rexeitada polo representante da CIG, que comparou este xeito de entender as relacións laborais cos métodos do franquismo. “Con este acordo só perdemos os traballadores”, asegurou. A sección sindical analizará esta cuarta feira a situación e a posibilidade de poñer en marcha acción de protesta.  

Comentarios