CIG e CC.OO. ocupan un Gadis contra os despedimentos de traballador@s de baixa en toda Galiza

A causa das baixas son enfermidade laborais relacionadas coas actividades que desenvolven na empresa de alimentación. Militantes e sindicalistas rebateron a campaña publicitaria Vivamos como galegos repartindo panfletos intitulados Malvivamos como nos deixen.

gadis_dentro
photo_camera [Imaxe: CIG-Servizos]

"Non nos vale que recoñezan o despedimento improcedente e paguen os 45 días despois de 15 anos nunha empresa e por ter un problema nas costas", explicou Marcos Cadórniga, da CIG-Servizos, após unha concentración diante dun supermercado Gadis en Vigo, que tamén foi ocupado durante uns intres para rexeitar o despedimento de traballador@s que se atopan en situación de baixa laboral.

Os despedimentos son disciplinarios: "están a te acusar de non ser útil, case comparando roubar no traballo co feito de estar de baixa laboral"

Polo de agora, as centrais sindicais CIG e CC.OO. teñen coñecemento de dous casos na Coruña, un en Pontevedra e máis tres "que nos custa localizar" porque non se puxeron en contacto cos sindicatos.

Segundo puideron saber estes últimos, están a asinar o despedimento procedente e mesmo a baixa voluntaria cun finiquito que corresponde a un mes de salario "por presións da empresa".

Que acontece cando @ traballadora ou traballador denuncia? Que recoñecen de maneira automática a improcedencia. 

CIG e CC.OO. ven incomprensíbel que Gadis invista tanto diñeiro en campañas publicitarias coma Vivamos como galegos e esixen unha xuntanza para sentar a dialogar

Os despedimentos estanse a producir namentres @s empregad@s se atopan de baixa por enfermidades relacionadas coa actividade que desenvolven para a empresa de alimentación. Os despedimentos comunicados, por vía dunha carta escrita, son de tipo disciplinario polo que Cadórniga queixouse de que "están a te acusar de non ser útil, case comparando roubar no traballo co feito de estar de baixa laboral". 

As dúas centrais sindicais informan de que nas cartas se explican os periodos en que están de baixa e, no fondo, "que non é acto para o traballo e que se procede a un despedimento disciplinario". Houbo recursos mais non se chegou nunca a xuízo porque a empresa "automaticamente recoñece a improcedencia e dá os 45 días" de indemnización por ano traballado. CIG e CC.OO. ven incomprensíbel que Gadis invista tanto diñeiro en campañas publicitarias coma Vivamos como galegos e esixen unha xuntanza para sentar a dialogar.

Comentarios