CIG carga contra Adolfo Domínguez por "romper o seu compromiso" con Galiza e Ourense

A confederación intersindical critica que a empresa aposte pola deslocalización e por mudarse a Madrid porque “Ourense e Galiza lle quedan pequenos”. Considera que non existe xustificación para o ERE e denuncia que non hai “garantía de permanencia” da firma na cidade galega nin un “plan de viabilidade” de cara ao futuro.

Mobilización de empregad@s de Adolfo Domínguez
photo_camera Protesta de empregad@s de Adolfo Domínguez


A CIG cargou este sábado contra a dirección de Adolfo Domínguez por “romper o seu compromiso” con Galiza e Ourense. A confederación intersindical criticou o recente preacordo de Expediente de Regulamento de Emprego (ERE) que rebaixa o número de persoas despedidas de 144 a 105. 

“A negociación converteuse nun macabro mercado de cifras de despedimentos, euros a cobrar e teito de mensualidades”, denuncia a CIG, que sinala que non existe “garantía de permanencia” da firma en Ourense nin un “plan de viabilidade” de cara ao futuro.

“A negociación converteuse nun macabro mercado de cifras de despedimentos, euros a cobrar e teito de mensualidades”, denuncia a CIG.

A central sindical considera que o número non varía por factores produtivos de Adolfo Domínguez senón por “regateo”. Asegura que o actual ERE é a continuidade do expediente de 2012 e da pingueira de despedimentos o pasado ano que buscan, apunta a CIG nun comunicado, para o “desmantelamento total da histórica marca de Ourense”.

Critican a aposta da empresa por deslocalizar a produción en países asiáticos e de trasladar servizos a Madrid como unha mostra de que “Ourense e Galiza lle quedan pequenos”. 

“O problema de Adolfo Domínguez non é a falta de carga de traballo nin a colocación do produto no mercado”, manifestou. A CIG cargou contra o papel “cómplice e entreguista” das forzas sindicais que asinaron o preacordo porque, entre outras cuestións, non garante novas deslocalizacións e despedimentos.

 

Comentarios