CIG avanza folga no sector da seguridade privada de persistir o bloqueo das negociacións

Tras dez meses de contactos, a central nacionalista considera que as propostas da patronal para a un novo convenio son insuficientes ante a perda de dereitos económicos e sociais da última década.

2017-06-29 mani seguridade privada 005
photo_camera (Imaxe: CIG)

A CIG vén de anunciar que convocará unha folga xeral no sector da seguridade privada en Galiza de continuar o bloqueo das negociacións para un novo convenio. A central nacionalista asegura en nota de prensa que realizará asembleas de traballadores nas sete comarcas do país, co fin de manter o pulso mobilizador de cara a un posible paro.


Segundo a CIG, as negociacións están paradas desde o pasado 28 de setembro. “Atopámonos cunha absoluta parálise da patronal, adiando as reunións e facendo propostas inasumíbeis, e non querendo dar resposta á única plataforma de negociación presentada, que foi a da CIG”, indicou o seu responsábel de negociación colectiva, Pedro Pérez.

"Non dá resposta ás necesidades do sector, xa que nos últimos 10 anos a perda de poder adquisitivo foi do 9% en relación co IPC"


A central sindical nacionalista considera “unha operación de maquillaxe” a última oferta realizada por Aproser, a patronal maioritaria do sector. “Non dá resposta ás necesidades do sector, xa que nos últimos 10 anos a perda de poder adquisitivo foi do 9% en relación co IPC, con varios anos co salario conxelado, redución dos extras de nocturnidade, festividade, que xunto cos de transporte e vestiario que eliminaron das pagas extras, todo isto evidentemente non se recupera con esta proposta”.


Pérez cre que tampouco haberá avances na reunión convocada esta segunda feira en Madrid. “A posición dos sindicatos estatais deixa ver un posíbel acordo que non iría no camiño que defendemos”, apuntou. Fronte esta situación, a CIG advirte de que continuará coas accións sindicais que, de persistir as mesmas posicións, desembocarán nunha folga xeral da seguridade privada en Galiza.

Comentarios