A CIG apela a unha folga unitaria contra o ERE no Banco Popular

Diante da “dureza” e da “falta de boa fe” do Banco Popular, que prepara un ERE que afectaría a unhas 400 empregadas e empregados na Galiza, a CIG apunta á necesidade de convocar unha folga unitaria.

[Imaxe: CIG] Mobilización contra o ERE do Banco Popular
photo_camera [Imaxe: CIG] Mobilización contra o ERE do Banco Popular

A CIG procura a unidade de acción para paralizar a “proposta agresiva” do Banco Popular, que traballa nun ERE que suporía a destrución duns 400 postos de traballo na Galiza (inicialmente prevíanse 435 baixas). Así, a central nacionalista ve necesario convocar unha folga unitaria como resposta ao ERE, “formulado desde a dirección cunha inusitada dureza e falta de boa fe”.

En total, o Banco Popular prepara a saída de 2.592 persoas en todo o Estado, das que unhas 1.900 marcharían con prexubilacións e acordos que, a ollos da CIG, “encobren despedimentos”. Aliás, a central nacionalista advirte de que, no caso das persoas menores de 55 anos, tan só se percibiría a indemnización. De aí que a CIG reivindique que non se produza nin unha soa baixa.

Aliás, o sindicato nacionalista advirte dos resultados económicos do grupo do Popular no terceiro trimestre, uns dados que “deitan beneficios –matizados ao destinaren a maior parte a provisións- e contradín o informe económico que sustenta o ERE”. A CIG-Banca critica así que o Popular empregue a lei “para aplicar unha redución brutal de persoal sen que exista unha base xustificada”

Comentarios