Este 15M

A CIG anuncia unha nova xornada de mobilizacións en defensa dunhas pensións dignas

O anuncio fíxoo Paulo Carril durante a súa intervención no fechamento da marcha da CIG en Ferrol este 10M, dentro dos actos de comemoración do Día da Clase Obreira Galega.

paulo carril
photo_camera Paulo Carril, durante a súa intervención este 10M

Após a mobilización do pasado 27 de febreiro -que concentrou miles de persoas en distintas cidades e vilas do país-, a CIG continúa a súa campaña en defensa do sistema público de pensións e, destarte, convoca unha nova xornada de mobilizacións para a próxima quinta feira 15M.

O sistema público de pensións está en risco porque o obxectivo real das forzas sistémicas é o de promover os planos privados, denunciou Carril na súa intervención. Nese marco situou a contra-reforma de 2011, aprobada, lembrou, por un goberno do PSOE e co apoio de UGT e CC OO. Fronte a aquela agresión ás pensións, enfatizou o secretario xeral da CIG, a central nacionalista convocou unha greve xeral. Logo chegaría unha nova reforma, 2013, xa con Rajoy na Moncloa, en virtude da cal alargábase a idade de xubilación, aumentaban os anos para calcular a base reguladora e desligábase a actualización das prestacións do incremento do custo da vida.

O secretario xeral da CIG -que chamou a participar nas novas mobilizacións deste 15M- acha paradoxal o feito de que forzas políticas e sindicais que no pasado foron cúmplices das contra-reformas protesten agora "con total descaro", cando "tamén son causantes, xunto co PP, destes ataques ás pensións".

Comentarios