CIG afirma que “sobran razóns” para que as galegas vaian á greve do 8 de marzo

O sindicato presenta un estudo no que se recolle que a fenda salarial é de 22,3%, a das pensións foi do 36,8%, así como que 21,8% das mulleres traballan a xornada parcial fronte a 6% no caso dos homes.

Natividade López Gromaze margarida Corral CIG
photo_camera Natividade López Gromaz e Margarida Corral. Imaxe: CIG

Hai motivos abondo para que as mulleres de Galiza participen o vindeiro 8 de marzo no Paro Internacional de Mulleres. É a mensaxe que esta terza feira trasladou a secretaria das mulleres da CIG, Margarida Corral, que canda Natividade López, responsábel do gabinete de Economía do sindicato, presentou os datos do informe ‘Muller e mercado laboral’. “Paramos porque non podemos seguir aturando tanta discriminación e violencia. Porque hai que concienciar do traballo que fan as mulleres, de que o noso papel na sociedade non é subsidiario”, afirmou Corral.

Corral lembrou que a CIG xa rexistrou, o pasado 29 de xaneiro, a convocatoria de paros parciais en cada unha das quendas: de 00:00 a 2:00 horas da madrugada; de 12:00 a 14:00 horas e de 19:30 a 21:30 horas para que todas as mulleres poidan sumarse á greve convocada no traballado asalariado, mais tamén á de consumo, a de brazos cruzados nas tarefas de coidado, ao boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista e a mobilizarse nas múltiples convocatorias previstas no país.

Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía da CIG, indicou que  a fenda salarial entre homes e mulleres situouse o ano pasado en 22,3%, cun incremento de dúas décimas respecto de 2016. Unha fenda que López Gromaz atribuíu ao “trato privilexiado que o mercado laboral ofrece aos homes” e á “feminización dos empregos máis precarios  e con salarios máis baixos”, aos complementos discrecionais, ao acceso minoritario de mulleres a postos de alta responsabilidade ou a maior presenza dos contratos a tempo parcial nas mulleres.

Esa discriminación salarial é ademais “xeneralizada en todas as ramas de actividade”, denunciou e, de media, supón que unha muller ingresa 4.513 euros menos ca un home. Aliás, 20.7% das mulleres asalariadas percibiron uns ingresos inferiores á metade do SMI.

Temporalidade

No ano 2009 o número de traballadoras a tempo parcial representaba  18,2% do total, unha porcentaxe que ascendeu en 2017 a 21,8%. Porén, no caso dos homes, só o 6% tivo este tipo de xornada.

A responsábel do gabinete de economía sinalou tamén que a taxa de temporalidade feminina situouse en 28,7% no ano 2017, mentres que entre os homes foi do 25,2% e asegurou que “cada muller con contrato temporal asinou unha media de 3,8 contratos” durante o pasado ano.

Un total de 98.300 mulleres permanecen paradas no ano 2017, e 40% destas leva máis de 2 anos nesa situación. Apenas  47% das mulleres paradas percibira algún tipo de prestación.

Mobilizacións

Betanzos: 12:30h Nas portas do Concello 

Carballo:: 12:30h Nas portas do Concello 

Cee:  12:30h Praza 8 de marzo 

Ribeira

 20:00h Praza do Concello 

12:45h Nos centros de traballo

Santiago::

12:30h no Centro Comercial As Cancelas

12:30h na Praza de Galiza

12:30h diante do Hospital Clínico

12:30h diante da Xunta de Galiza en San Caetano

FerroL:

12:30h Praza de Amada García (Edificio da Xunta)

12:30h Hospital Arquitecto Marcide

As Pontes: 12:30h Praza do Concello

Lugo:  12:30h Diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza

Monforte: 20:00h Praza de España

A Mariña / Viveiro / Burela / Ribadeo:   12:30h Diante dos Concellos

Ourense:  12:30h Praza Maior

O Barco de Valdeorras: 20:00h Praza do Concello

Verín: 20:00h Praza do Concello

Pontevedra: 12:30h na Praza da Peregrina

Vilagarcía / O Grove / Cambados: 12:30h Diante dos concellos

A Estrada: 12:30h Diante do Concello

Vigo: 

12:30h Na farola de Urzáiz

12:30h Na estrada Clara Campoamor (na rotonda de aceso ao hospital Álvaro Cunqueiro)

Bueu:  12:30h Diante do Concello (Rúa Eduardo Vicenti, 8)

Cangas: 12:30h Diante do Concello (Avda. Castelao, 2)

Moaña: 12:30h Diante do Concello (Rúa As Barxas, 2)

Tomiño: 12:00h Diante do Concello (Praza do Seixo)

Tui:  12:30h No Outlet

Comentarios