A CIG concéntrase na sede de Abanca na Coruña pola "discriminación" a traballadoras do banco

O banco negociou e asinou un Plan de Igualdade sen que o sindicato o avalase, xa que "perpetúa a fenda salarial" que a CIG leva anos a denunciar.
Concentración da CIG fronte a sede de Abanca na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración da CIG fronte a sede de Abanca na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Decenas de delegadas da Confederación Intersindical Galega (CIG) en Abanca concentráronse na segunda feira fronte a sede da entidade bancaria na Coruña para denunciar "as discriminacións" e "os problemas para a conciliciación" que sofren as traballadoras.

O banco está a deseñar un Plan de Igualdade que non conta coa aprobación do sindicato, xa que considera que "perpetúa a fenda salarial" que leva anos a denunciar.

A delegada do CIG e representante da central na comisión de negociación do Plan de Igualdade, Paula Mosquera, criticou o feito de que Abanca promovese a negociación e sinatura do Plan de Igualdade " a toda presa".

A sindicalista destacou que este plan "é papel mollado", xa que non recolle medidas concretas para rematar coa fenda salarial, nin medidas para promover que as mulleres poidan avanzar na carreira profesional, "e ademais as medidas de conciliación que se recollen non aplican na práctica".

Desigualdade "crónica"

Mosquera sinalou a inacción de Abanca á hora de aplicar medidas para acabar coa desigualdade como o principal motivo para que esta se volvese "crónica".

A delegada sindical afirmou que a CIG solicitou que se analizara a causa "de por que as mulleres quedan nos postos base e non ascenden, por que no momento no que teñen fillos ou fillas ven como as súas carreiras profesionais se truncan...", petición que Abanca denegou. A entidade incluso chegou a negar esas situacións, a pesar de que o sindicato asegura que "os datos son obxectivos e están aí".

A CIG tamén pon o foco no peche de oficinas como un agravante deste contexto de desigualdade. A Galiza é o terceiro territorio do Estado onde fechan máis oficinas bancarias, e para o sindicato, isto conleva a desaparición dos postos de responsabilidade "nos grupos máis feminizados", en referencia ás direccións e subdireccións destas oficinas.

"As mulleres non acceden ás carreiras profesionais máis altas e os poucos postos aos que podían acceder estanse cortando coa desaparición das oficinas de atención ao público", lamentou Paula Mosquera, ao tempo que incidiu en que se deben adoptar medidas "concretas" para problemas "concretos" de discriminación,  "creados por unha dirección copada por homes de mediana idade".

Comentarios