Cifran nun 95% o seguimento da folga convocada en CaixaBank

As forzas sindicais critican que a entidade bancaria non retirara a súa intención de realizar despedimentos forzosos.
Concentración en Vigo (Nós Diario)
photo_camera Concentración ante unha sucursal en Vigo (Foto: Nós Diario)

A plataforma sindical conformada por todas as centrais con representación en CaixaBank realizou onte unha folga xeral contra o que consideran "despedimentos forzosos e o recorte de condicións laborais" do persoal desta entidade bancaria.

Fontes sindicais apuntan que tivo un seguimento na Galiza dun 95%. A última reunión que tiveron as forzas sindicais coa dirección, o pasado 16 de xuño, foi para UXT de "decepción e indignación a partes iguais coa proposta da empresa, xa que non retira a maneira forzosa nas saídas".

"A dirección da empresa non acepta o esquema de propostas dos sindicatos e tampouco hai avances que nos leven a pensar no fechamento do acordo con voluntariedade", afirman as mesmas fontes.

Por este motivo reafírmanse no rexeitamento aos despedimentos forzosos e ao recorte das condicións laborais.

UXT lamenta que "a falta de dúas semanas para finalizar a prórroga na negociación, a dirección siga empeñada en defender unha postura radicalmente contraria".

Pola súa banda, CCOO incide en que os despedimentos forzosos por parte de  Caixabank no caso de Lugo suporían case un 20% do persoal total, "dentro da época máis importante da historia da banca neste país". Advirten de que "as autoridades públicas teñen que deter esta hemorraxia de destrución de emprego".

Ademais da folga houbo concentracións nas cidades de Lugo, A Coruña e Vigo.

Comentarios