O CHUS raciona o material de protección

CIG-Saúde de Compostela demanda da xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago información sobre os equipos de protección individual (EPIS) existentes e unha uniformización de criterios canto a uso e transporte da roupa usada no hospital.

CHUS
photo_camera CHUS

A falta de material no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) está a ser un dos problemas máis importantes para o seu persoal. Desde CIG-Saúde de Compostela veñen de demandar da súa xerencia unha cuantificación de material existente disgregado en equipos de protección individual (EPI) como máscaras cirúrxicas, batas protectoras, luvas e gafas de protección. Indican que hai moitas queixas de traballadoras e traballadores por este motivo.

Xabier Alvedro, delegado de prevención da CIG-Saúde, denuncia que a falta de material “non só pola súa escaseza, senón tamén pola falta de reparto”. Sinala que se limita a cantidade e hai dificultade para conseguir o equipo de protección individual “debido a unha especie de racionamento”.

“Non é de recibo que por non saber a actividade que se desenvolve nas unidades, se decida, ante a dúbida, que non se proporciona ningún tipo de material e que as unidades estean desabastecidas”, expresa Alvedro.

Pon como exemplo que “na UCI de Adultos, cun caso positivo en coronavirus o material está non só racionado, senón que hai serias dificultades de abastecemento” razón pola que “hai dificultades para executar algunhas manobras necesarias e con garantías”.

Da mesma maneira a CIG-Saúde de Compostela demanda ademais medidas axeitadas para que se evite a exposición ao Covid-19 das mulleres en período de embarazo e lactación no posto de traballo de forma que isto non poida influír negativamente nin na súa saúde nin na do feto ou da crianza.

Por último desde CIG-Saúde exixen que se axilice a recepción da uniformidade limpa entregada pola lavandaría externa e entrega de roupa sucia. “Un circuíto para desbotar a uniformidade unha vez acabada a xornada de traballo”.

Comentarios