O cerco volta a faenar apuntando a levar aos tribunais a repartición da cota decidida por Madrid

1.500 mariñeiros, máis de 120 barcos, reatan hoxe a súa actividade despois de protagonizar unha mobilización que fixo historia.

barcos cerco pesca


A terza feira 18 de Marzo, a asemblea de Portosín resolveu aceitar a repartición de cota decidida nunha orde ministerial, após gañar unha distribución da carga de traballo máis xusta no interior de Galiza.

Foi un acordo en boa parte forzado pola política de feitos consumados do Estado, que publicara no BOE a repartición da cota facendo ouvidos xordos ás mobilizacións galegas.

Con todo, mariñeiros e armadores proclamaron que a súa aceitación se limita a este exercicio, 2014, e que xa pensan en 2015 para variar os criterios de repartición da cota entre os distintos segmentos da frota no conxunto do Estado.

O sector séntese abandonado pola Xunta de Galiza, que en ningún momento fixo amago de cuestionar en Madrid a orde ministerial de repartición da cota

O cerco galego pretende que á hora de distribuír a cota se teña en conta o número de tripulantes de cada embarcación e non os chamados dereitos históricos.

A repartición do volume de pesca permitido para 2014 discrimina a Galiza, até o punto de que a frota galega só poderá pescar o 24,8% do total face o 48% de Euskadi.

O sector séntese abandonado pola Xunta de Galiza, que en ningún momento fixo amago de cuestionar en Madrid a orde ministerial de repartición da cota. Como non poden ollar para San Caetano, fano para os tribunais. Andrés García, patrón de Sada e voceiro da asemblea de Portosín, confía en que o "xuíz" dea a razón aos argumentos de mariñeiros e armadores face os do Estado.

Comentarios