MILES DE PERSOAS PIDEN UN REPARTO XUSTO DE COTAS

O cerco reivindica solución “a un problema de país”

Milleiros de persoas participaron na mañá do domingo na mobilización convocada polos armadores da frota do cerco contra o actual sistema de repartos de cota, que provoca que se lles asigne a mesma cantidade de peixe para un ano que se lles asignaba antes para un día.

[Imaxe: pilarymara]
photo_camera [Imaxe: pilarymara]

As crianzas dos mariñeiros e armadores abriron a mañá deste domingo na praza do Obradoiro (Compostela) a manifestación “multitudinaria”, en palabras dos representantes do sector, por un reparto xusto das cotas para a frota do cerco. “Participaron máis de 10.000 persoas, aínda que a Xunta queira mentir até niso, dicindo que participou moita menos xente”, sinala Andrés García, portavoz da asociación ACERGA, en declaracións a Sermos Galiza.

Coa mobilización deste domingo, que segue ao protesto que discorreu polas rúas de Sada o domingo pasado, os armadores e mariñeiros queren demostrar que “isto non é un problema de catro gaiteiros, como fai ver a conselleira Rosa Quintana, isto é un problema de país”. “Temos o apoio popular porque a xente entende que se comete unha inxustiza manifesta con nós”, afirma Andrés García, que agradeceu a presenza da volanta de Cedeira na mobilización desta mañá.

O sistema de reparto actual provoca que a cantidade que se lle asigna aos barcos por ano sexa a mesma cantidade que a que se asignaba antes por día

As persoas manifestantes reclamáronlle á Xunta de Galiza e ao Goberno central a anulación do sistema actual de cotas –que se rexe polas capturas históricas- e un novo sistema lineal, por tripulante, “é o máis xusto, porque agora os que máis pescan son os que máis esquilmaron o mar”. O sistema de reparto actual provoca que a cantidade que se lle asigna aos barcos por ano sexa a mesma cantidade que a que se asignaba antes por día.

Andrés García: "A cantidade de persoas prexudicadas de maneira indirecta é enorme se temos en conta o traballo das redeiras, dos talleres mecánicos, dos subministros de barcos e outras empresas auxiliares"

Andrés García cifra nas 1.200 as familias afectadas directamente polo recorte das cotas. “A cantidade de persoas prexudicadas de maneira indirecta é enorme se temos en conta o traballo das redeiras, dos talleres mecánicos, dos subministros de barcos e outras empresas auxiliares. Se nós non traballamos, eles tampouco. Somos un elo fundamental da cadea da Galiza costeira”, explica. “Non nos poden deixar abandonados deste xeito”, di en alusión á Xunta de Galiza e ao Goberno central, “só queremos poder desenvolver o noso traballo”. Precisamente, o lema “queremos traballar e non roubar” foi un dos máis coreados na mobilización de Compostela.

O protesto da mañá do domingo rematou diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza en San Caetano, onde os armadores e mariñeiros permanecen acampados como medida de presión que implique a actuación do Goberno galego. Porén, tal e como lamentan os afectados, a conselleira “non se molestou en escoitarnos”. A acampada en San Caetano será indefinida, “quen ten a data de finalización non somos nós, son a Xunta e o Goberno central”, indica Andrés García, quen advirte de que “se hai pouca cota, que sexa xusta e repartida entre todos por igual”.

Andrés García: "Estamos dispostos a non parar"

O que teñen claro os afectados é que seguirán na loita até conseguir o que consideran seu, “a partir da segunda feira -16 de novembro- veremos que facer. Estamos dispostos a non parar. O que non pode ser é que abandonen –Xunta e Goberno central- todos estes barcos sen permitirnos de gañar a vida no mar”, apunta, en declaracións a Sermos Galiza.

Na mobilización da mañá do domingo participaron representantes políticos, entre os que se atopaba o candidato de Nós-Candidatura Galega, Carlos Callón, que afirmou en declaracións aos medios que "defenderemos no Congreso algo tan básico como un reparto xusto das cotas de pesca para o cerco galego, porque non pode ser que un barco vasco teña tanta cota como 44 barcos galegos xuntos”

Comentarios