O cerco pechará as lonxas da Coruña e Vigo esta sexta feira contra o reparto da cota

A asemblea de Portosín acordou continuar coas mobilizacións mais de maneira "pacífica" ao tempo que procurarán "manter a vía do diálogo aberta". Un acordo entre Bruxelas e as Illas Feroe incrementa as toneladas de xarda para 2014 mais Madrid reitera que manterá o modelo de reparto actual. 

Cerco
photo_camera [Imaxe da manifestación en Compostela CC BY- NC -SA Sermos Galiza]

Após unha intensa xornada para o sector do cerco, a frota galega rematou cunha asemblea en Portosín logo de rexeitaren negociar coa responsábel de pesca, Rosa Quintana. A delegación de armadores respondía así ás declaracións da conselleira de Medio Rural e Mar quen lles chamou "vándalos" e "tolos" por se manifestaren intensamente en Vigo e Coruña contra un reparto de cotas que, din, é "inxusto" para Galiza. 

No encontro entre mariñeiros e armadores que tivo lugar en Portosín, os cerqueiros acordaron continuar adiante coas mobilizacións, iso si, de maneira "pacífica" á fin de non reviver os acontecementos da terza feira onde @s manifestantes foron recibidos por un forte dispositivo policial que rematou cargando contra eles. 

A primeira das mobilizacións será esta sexta feira cando as lonxas de A Coruña e Vigo permanezan fechdas en solidariedade con esta arte pesqueira. A acción, que conta co respaldo do conxunto do sector, será o primeiro chanzo dunha xornada máis ampla que levará á frota galega até Asturies onde se manifestarán cos mariñeiros astures, tamén en desacordo cos criterios de reparto das cotas de xarda e xurelo. 

"Vai ser un fechamento pacífico, están todos avisados e entenden e partillan a nosa reivindicación", explicou o patrón maior de Sada, Andrés García á saída da xuntanza. 

A Xunta quer dividir o sector

Após máis de 4 horas reunidos en Portosín, os mariñeiros e armadores acordaron "manter a vía de diálogo aberta" coa Xunta de Galiza e mesmo estudarán convidar de novo ás negociacións á conselleira de Mar, Rosa Quintana após entender que "se desculpou" na xuntanza desta terza feira (12 de marzo). Mais o certo é que a Xunta de Galiza mantén unha actitude de cofrontación coa maior parte do sector. 

Tanto Quintana como o vice-presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tentaron  nas súas declaracións públicas alimentar a idea dunha suposta división interna entre a frota do cerco pois, aseguraron "teñen que chegar a un acordo as partes do sector que como vemos están divididos". Eis segundo o goberno galego o problema das cotas de xarda e xurelo. No entanto, a frota do creco que se manifestou nas últimas semanas representa a práctica totalidade da frota pois só 12 barcos non están a tomar parte do protesto.

Máis cota para repartir igual

Madrid quere aproveitar o aumento da cota para frear as protestas

Así as cousas, Madrid tentou na madrugada do 11 de marzo dar un golpe de timón á crise do cerco en Galiza após o acordo alcanzado entre Bruxelas e as Illas Feroe e que suporá un incremento na cota europea para 2014. Tamén para Galiza que podería pescar 3.400 toneladas de cabala.

Os mariñeiros e armadores recibiron con prudencia a nova pois hai que agardar a coñecer as condicións desa nova cota, que podería repartirse tamén entre outras artes de pesca, como o arrastre. Aliás, os cerqueiros lembran que as súas reivindicacións se centran nos criterios de reparto da cota e que deixan a Galiza só co 24% da mesma embora posuír a metade da frota do Estado. 

Desde Madrid, o ministro de Agricultura e Pesca, Arias Cañete, asegurou que o Goberno español manterá o mesmo sistema de reparto que até o de agora e non cederán ás exixencias da frota do cerco galega. 

Imaxe da asemblea; @irmandadetv

Comentarios