Ceprede cifra en 15.000 os empregos que o coronavirus destruirá en Galiza

Haberá unha caída de 1,4% do PIB, segundo o Centro de Predición Económica, da que fai parte FEUGA.

traballo factoría obreiro CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno VascoMikel Arrazola

Galiza perderá 15.213 empregos polas consecuencias económicas polo estado de alarma decretado a raíz do coronavirus, cunha caída do 1,4% do PIB, segundo estimacións do Centro de Predición Económica (Ceprede).

De tal forma, Galiza será o sexto territorio con maior destrución de emprego en cifras totais, por detrás de Catalunya (-60.000), Madrid (-52.000), Andalucía (-46.000), Comunidade Valenciana (-31.800) e Euskadi (-15.655). No conxunto do Estado, perderanse 300.000 postos de traballo.

O impacto do 1,4% do PIB galego é lixeiramente inferior ao descenso medio do 1,7% que se vaticina para o conxunto do Estado.

Segundo Ceprede, a estrutura produtiva galega volve ser un factor determinante do impacto diferencial que sobre as súas respectivas economías podería provocar o estado de alarma.

Comentarios