XOáN XOSé BOUZAS, CIG-INDUSTRIA

“A centralización dos convenios é o marco ideal para recortar dereitos e salarios aos traballadores galegos”

CIG-Industria inicia unha campaña contra o Convenio estatal do metal. O seu secretario nacional, Xoán Xosé Bouzas, 'Tupi', advirte da 'estatalización' da negociación produtiva, que procuran afastar os traballadores do que é, di, unha “negociación entre cúpulas en Madrid”.

Tupi

Recentemente a patronal Confemetal e os sindicatos CCOO, UGT asinaron un Convenio Estatal para o sector do Metal. O sindicato nacionalista CIG xa anunciou que impugnará acordo e lanza unha campaña, denunciando que “traslada ao sector os recortes de dereitos contemplados nas reformas laborais”. Os convenios galegos do sector do metal abranguen por volta de 52.000 traballadores.

- Como entender este Convenio estatal?

No 2011 houbo unha reforma laboral, a do goberno Zapatero, que posibilitaba deixar sen efecto os convenios provinciais. Coa reforma de 2012, do goberno de Rajoy, permítese que os convenios de empresa e estatais teñan prevalencia sobre os provinciais do sector. Hai unha serie de materias que se reservan para os estatais, e a esa nivel empezan a decidir no que nós denunciamos que é unha negociación de cúpulas en Madrid. É até tal punto é de cúpulas que, por poñer un exemplo, na sinatura deste convenio estatal os de CCOO e UGT de Galiza non sabían nin a que ían.

- Pero que efectos directos van ter sobre os traballadores galegos do metal?

- A centralización ou estatalización do convenio é o marco ideal para recortar dereitos laborais e salarios. Vaise dar unha negoación á baixa e esta vai ser, repito, entre cúpulas, afastada das asembleas de traballadores, que é onde se ten que decidir. Por exemplo, neste Conveniuo estatal falan de fixar un salario mínimo, mais é que hai moitas provincias onde teñen xa un salario por riba diso. E hai disposicións que non son democráticas. Créase unha comisión paritaria que pode vir a calquera convenio, como Pontevedra ou A Coruña, por exemplo; e asinalo se as partes non se poñen de acordo nun ano, independentemente da representación sindical que teñan.

- Esta 'estatalización' afecta a máis sectores?

- Afecta, imos impulsar unha campaña a este respecto, porque hai varios sectores,desde a construción a hostalería. Non hai que perder de vista que da man desta estatalización o que vén é un empeoramento de condicións laborais, de salarios... e que os traballadores apenas van ter marxe de decisión, pois todo se vai falar e acordar en Madrid entre as cúpulas desas organizacións

Comentarios