CIG, UGT e CC OO preparan accións conxuntas contra a represión sindical

CIG, UGT e CC OO, co apoio da Alianza Social Galega, presentarán esta sexta feira un calendario de mobilizacións para denunciar a represión da que está a ser obxecto a actividade sindical na Galiza.

Os secretarios xerais de CIG, UGT e CC OO, Suso Seixo, José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, anunciarán esta sexta feira en rolda de prensa novas mobilizacións conxuntas contra a represión que se está a exercer contra o labor sindical. As accións contarán co respaldo da Alianza Social Galega, que agrupa a máis de setenta organizacións. 

As tres centrais sindicais sairán de novo á rúa para patentizaren o seu protesto contra as recentes decisións do poder xudicial contra a actividade sindical, tendo moi na mente os recentes casos de Carlos e Serafín en Vigo e Tamara e Ana en Pontevedra, dous exemplos claros de persecución con graves consecuencias personais e sindicais. Só hai uns días, o xulgado de Vigo posicionábase en contra do indulto de Carlos e Serafín e Tamara e Ana viven coa ameaza do inminente ingreso na cadea. 

Carlos e Serafín están a vivir un calvario xudicial por tomar parte nunha folga do transporte en 2008. Esta cuarta feira CIG, UGT e CC OO promoveron unha mobilización en Vigo na defensa do indulto dos dous traballadores. Por outra parte, Tamara Vidal e Ana Outerelo están condenadas a tres anos de prisión pola súa acción nun piquete nas instalacións deportivas de Pontevedra. Esta cuarta feira desprazáronse a Madrid para formalizaren a súa petición de indulto no Ministerio de Xustiza.

Comentarios